O sol acompañou aos nenos e nenas do CEIP Nétoma-Razo na visita que realizaron este martes ás instalacións dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e á Horta Seixo Branco. Con eles comezamos unha nova campaña de achegamento da veciñanza ao ciclo integral da auga e ao proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras, na que van participar case 200 persoas e na que contamos coa colaboración de Gestagua e Dixardin.
Aos nenos de 1º, 2º e 3º cursos de primaria do colexio de Razo vanse sumar entre mércores e xoves alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe A Cristina e do CRA Ponte da Pedra. E para o 2 de xuño temos programada unha visita para os/as participantes no programa MercaEscola e para toda a cidadanía interesada en coñecer estes dous importantes recursos medioambientais. As persoas interesadas poden anotarse enviando un correo cos seus datos a comunicacion@carballo.gal.
Na visita de hoxe, á que se sumaron os concelleiros Miguel Vales e Juan Seoane, a rapazada tivo a oportunidade de coñecer o depósito de auga do Seixo Branco, a captación do río Bardoso e a depuradora da Cepeira.
No Seixo Branco, ademais de coñecer cal é o proceso que permite que a auga chegue desde o río ata as billas dos seus fogares,os nenos e nenas puxeron o seu gran de area no proxecto de recuperación das árbores autóctonas plantando os dous primeiros exemplares de limoeiro caviar, que se van sumar ás preto de 200 de pereiras, maceiras e árbores de froita de pedra que xa están medrando, e mesmo florecendo, neste espazo situado na parroquia de Verdillo.
A Horta Seixo Branco está aberta á participación de toda a veciñanza. Desde a Concellaría de Medio Ambiente facemos un chamamento a aquelas persoas que conserven especies de árbores froiteiras autóctonas para que se sumen tamén, permitíndonos recuperalas e conservalas. Simplemente teñen que poñerse en contacto a través do 981 704 100.