“Estamos a clausurar un obradoiro carpintería que probablemente foi o mellor dos que se celebraron en Galicia pero que sen dúbida foi o mellor dos que se celebraron no noso concello”, manifestou Evencio Ferrero. O alcalde de Carballo presidiu hoxe, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Obras, Urbanismo e Medio Ambiente de Coristanco, Enrique Tasende, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, o Obradoiro Lubiáns, a primeira experiencia conxunta de formación para o emprego entre os dous concellos, aínda que todo apunta a que non será a última.
Nese sentido, o concelleiro de Coristanco xa anunciou que está en fase de elaboración un novo proxecto. Enrique Tasende destacou o gran traballo realizado por profesorado e alumnado, do que puxo como exemplos máis destacados o peche en madeira do pavillón polideportivo do CEIP Xosé Pichel e a cuberta do Museo da Pataca, “que agora si que parece un museo”, declarou. E sobre todo agradeceu a participación do Concello de Carballo, que cualificou como imprescindible para Coristanco.
O alcalde de Carballo, que destacou a calidade do traballo realizado e a implicación de alumnado, profesorado e persoal técnico, expresoulles os parabéns “sinceros e agradecidos pola entrega, a responsabilidade e a profesionalidade” que demostraron. De feito, o Obradoiro Lubiáns superou as expectativas, e non só se cumpriron os obxectivos académicos e prácticos, coa fabricación de mobiliario para os centros sociais de Verdillo, Bértoa, Artes e Entrecruces, senón que foi máis alá.
O Obradoiro Lubiáns foi un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros e no que puideron formarse na especialidade de carpintaría de madeira 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco. A directora xeral destacou a colaboración interinstitucional e lembrou que ata o domingo 14 está aberto o prazo para que as empresas interesadas en contratar ás persoas formadas no obradoiro soliciten os incentivos de 1.500 euros establecidos pola Xunta.








