Os alcaldes de Carballo e Coristanco, Evencio Ferrero e Juan García, visitaron as obras realizadas polo alumnado do Obradoiro Lubiáns, un obradoiro dual de emprego co que iniciamos unha enriquecedora e frutífera experiencia de colaboración entre os dous concellos co obxectivo de fomentar a formación para o emprego.
Acompañados polo concelleiro de Formación e Emprego de Carballo, Iván Andrade, e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e polo concelleiro de Infraestruturas de Coristanco, Enrique Tasende, así como por persoal técnico de ámbolos concellos, puideron ver parte dos traballos realizados ao longo deste ano polo alumnado de carpintería.
O percorrido comezou no Museo da Pataca de Santa María de Traba, onde se instalou unha gran pérgola de madeira que contribúe a realzar este recurso turístico. No concello de Coristanco tamén se realizaron melloras nos centros sociais de Oca, Erbecedo e Cereo. Neste último realizaron a segunda parada, na que puideron ver a cociña e o mobiliario instalados polo alumnado do Obradoiro Lubiáns.
Posteriormente, a comitiva carballesa continuou ruta cara o edificio que alberga a escola e o centro social de Artes, na que se deu resposta a unha demanda da comunidade educativa coa instalación dun soportal de madeira, e rematou o percorrido no centro social de Verdillo, que ofrece un aspecto totalmente renovado tras o recubrimento do recibidor con madeira e a creación dun práctico almacén. No noso concello tamén se construíu mobiliario para os centros sociais de Bértoa e Entrecruces.
“En Coristanco sería impensable que tivésemos unha experiencia coma esta sen a xenerosidade de Carballo”, manifestou Juan García. Os dous alcaldes coincidiron en destacar a cantidade e a calidade do traballo realizado polo alumnado, maioritariamente feminino, que continuará a súa formación en alternancia ata o mes de setembro. Así mesmo, tras esta primeira experiencia, que consideran máis que satisfactoria, xa se está a traballar noutro proxecto de obradoiro de emprego para a próxima convocatoria da Xunta de Galicia.
O Obradoiro Lubiáns é un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros e no que están a formarse na especialidade de carpintaría de madeira 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco.





