O Concello de Carballo pechou o mes de xaneiro de 2026 coa recollida de 905 quilos de aceite vexetal usado a través da rede de 34 contedores específicos distribuídos polo municipio, segundo o certificado emitido polo xestor autorizado Green Ambiental, S.L.
Esta cifra supón un incremento respecto ao mes de xaneiro de 2025, confirmando a evolución positiva na recollida deste residuo doméstico e a crecente concienciación da veciñanza sobre a importancia da súa correcta xestión ambiental.
No conxunto do ano 2025, a cidadanía de Carballo depositou nos colectores habilitados un total de 15.635 quilos de aceite de cociña usado, unha cifra que representa 1.237 quilos máis que no ano 2024, o que se traduce nun incremento próximo ao 8 % respecto ao exercicio anterior e consolida unha tendencia de crecemento sostido na reciclaxe deste residuo.
Segundo os datos certificados correspondentes a xaneiro de 2026, os 905 quilos de aceite recollidos evitaron a contaminación de preto de 995.500 litros de auga e, unha vez transformados en biocarburante, permitiron xerar un aforro de emisións de CO₂ de 2,71 toneladas, contribuíndo de maneira directa á loita contra o cambio climático.
Un residuo moi contaminante
O aceite vexetal usado é un residuo altamente contaminante cando non se xestiona axeitadamente, xa que un só litro pode contaminar miles de litros de auga. A súa correcta deposición nos colectores habilitados permite o seu posterior tratamento e valorización, converténdoo en biocombustible ou outros produtos reutilizables, contribuíndo así á economía circular e á protección do medio ambiente.
Desde o Concello de Carballo poñemos a disposición da veciñanza funís adaptables ás botellas para facilitar a recollida do aceite nos domicilios e animámosvos a continuar colaborando activamente na separación de residuos, un xesto sinxelo que ten un impacto directo na conservación do entorno natural e na mellora da calidade ambiental do municipio.