O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, ven de anunciar os 6 grupos finalistas do XXV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”, que neste 2026 celebra o seu 25 aniversario. O xurado, tras escoitar as gravacións realizadas en Radio Nordés Cadena Ser polos 12 grupos participantes seleccionados para a segunda fase e logo das oportunas deliberacións, acordaron seleccionar para a súa lectura na Gala Final os seguintes grupos:
Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria):
· Os Cristinatreiros, do CEIP A Cristina (de 3º, 4º e 6º de EP), coa obra Contos fóra de conto.
· A Cuarta Revolta, do CEIP As Revoltas (de 4º de EP), coa obra O caso do pronome átono.
· Samaritas e Samaritos, do CPI Cabo da Area (de 4º de EP), coa obra Memorias dun neno labrego en Ceuta.
Na 2ª categoría (Educación Secundaria):
· Revoltoxos, do CEIP As Revoltas (4º da ESO), coa obra Resurrección artificial.
· Rebolondas, do IES Eduardo Parga Pondal (2º da ESO), coa obra Unha nova ollada.
· Nenos do futuro, do IES Eduardo Pondal (2º da ESO), coa obra Memorias dun neno cibernético.
Este domingo 8 de novembro, ás 18.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, terá lugar a Gala Final, xunto a toda a rapazada participante desta edición (arredor de 130 nenas e nenos). Na gala, os grupos finalistas volverán interpretar as súas pezas teatrais e terá lugar a entrega de premios, valorados en 850 euros en libros e material didáctico grazas á colaboración da Librería Brañas Verdes, que este ano recibirá unha placa conmemorativa polo seu apoio.
O acto estará presentado por Alba Bermúdez, da compañía Galeatro, quen, ademais de ser o mestre de cerimonias, amenizará o evento cun espectáculo destinado a público familiar. A continuación, terá lugar unha chocolatada para todas e todos as e os escolares participantes. A entrada é libre ata completar aforo.
Emisión das pezas en Radio Nordés
Un total de 21 grupos de 10 centros educativos de Carballo, Malpica, Laxe, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños participaron neste 2026 no XXV Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís do FIOT.
O xurado preseleccionou 12 grupos para gozar da experiencia radiofónica nos estudios profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, desta gravación, saíron os 6 finalistas nas dúas categorías agora anunciados.
As 12 pezas seleccionadas para a experiencia radiofónica emitiranse ao longo deste mes de novembro no programa Vivindo a Costa da Morte de Radio Nordés entre as 13.00 e as 14.00 h.
Sobre o Consurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís
Esta é unha proposta moi especial do FIOT para facer teatro doutro xeito, que conta xa con 25 edicións ás súas costas. Grazas a este certame, as voces da rapazada levan o teatro aos fogares de todos os recunchos de Bergantiños a través das redes sociais e as ondas radiofónicas.
Co apoio dos centros escolares de Primaria e Secundaria de toda a comarca e coa finalidade de promover o teatro entre os/as máis pequenos/as e de favorecer a súa iniciación á interpretación a través da lectura dramatizada, neste 2026 o FIOT continúa con esta proposta que xa vai pola XXV edición. En consonancia cos novos tempos, a participación foi mediante un arquivo de vídeo coa gravación da lectura, para que todos/as os/as interesados/as poidan ver escoitar e ver as interpretacións dos grupos participantes a través das redes sociais do festival.
O xurado seleccionou aos grupos que gozaron da experiencia radiofónica nos estudos profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, destas gravacións, saíron os finalistas. Agora gozaremos da súa lectura en directo na emocionante gala final que se celebrará este domingo, 8 de novembro, ás 18.00h, no Pazo da Cultura, na que o o xurado fallará os premios para libros e material didáctico cortesía da Libraría Brañas. E non faltará o peche coa tradicional chocolatada!
📷 Gala de premios de 2025 | © Vanessa Rábade