O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, ven de anunciar os 6 grupos finalistas do XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”. O xurado, tras escoitar as gravacións realizadas en Radio Nordés Cadena Ser polos doce grupos participantes seleccionados para a segunda fase e logo das oportunas deliberacións, acordaron seleccionar para a súa lectura na Gala Final os seguintes grupos:
Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria):
· XOANIÑA, do CEIP A Canosa-Rus, coa obra Arden os montes.
· OS CRISTINATREIROS, do CEIP A Cristina, coa obra Medo me dá.
· OS CHIMPÍNS, do CPR Artai, coa obra Axudando ao bosque.
Na 2ª categoría (Educación Secundaria):
· EQUIPO ANTIMETA, do IES Eduardo Pondal, coa obra O interrogatorio.
· INVISIBLES, do IES Monte Neme, coa obra Ícaras.
· OS TOXOS, do IES Monte Neme, coa obra Hai un punto que me doe.
Este domingo 9 de novembro, ás 18.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, terá lugar a Gala Final, xunto a toda a rapazada participante desta edición (arredor de 150 nenas e nenos). Na gala, os grupos finalistas volverán interpretar as súas pezas teatrais e terá lugar a entrega de premios, valorados en 850 euros en libros e material didáctico grazas á colaboración da Librería Brañas Verdes.
O acto estará presentado por Brais Hortas, quen, ademais de ser o mestre de cerimonias, amenizará o evento cun espectáculo destinado a público familiar. A continuación, terá lugar unha chocolatada para todas e todos as e os escolares participantes. A entrada é libre ata completar aforo.
Emisión das pezas en Radio Nordés
Un total de 23 grupos de 12 centros educativos de Carballo, A Laracha, Laxe, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños participaron neste 2025 no XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís do FIOT. O xurado preseleccionou 12 grupos para gozar da experiencia radiofónica nos estudios profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, desta gravación, saíron os 6 finalistas nas dúas categorías agora anunciados.
As 12 pezas seleccionadas para a experiencia radiofónica emitiranse ao longo deste mes de novembro no programa Vivindo a Costa da Morte de Radio Nordés entre as 13.00 e as 14.00 h dos seguintes días:
· Luns 3 de novembro: Arden os montes.
· Mércores 5 de novembro: Lindaflor.
· Venres 7 de novembro: O cogomelo Agarico.
· Luns 10 de novembro: O fol avarento.
· Mércores 12 de novembro: Carapuchiña, Carapuchona e Lobo Lobito.
· Venres 14 de novembro: Hai un punto que me doe.
· Luns 17 de novembro: Lúa ouriñou no xardín.
· Mércores 19 de novembro: Ícaras.
· Venres 21 de novembro: Medo me dá.
· Luns 24 de novembro: O interrogatorio.
· Mércores 26 de novembro: Axudando ao bosque.
· Venres 28 de novembro: Por que dorme a Bela Dormente?
É posible ver todos os vídeos na canle de YouTube do FIOT:
Sobre o concurso
Esta é unha proposta moi especial do FIOT para facer teatro doutro xeito, que conta xa con 24 edicións ás súas costas. Grazas a este certame, as voces da rapazada levan o teatro aos fogares de todos os recunchos de Bergantiños a través das redes sociais e as ondas radiofónicas.
Co apoio dos centros escolares de Primaria e Secundaria de toda a comarca e coa finalidade de promover o teatro entre os/as máis pequenos/as e de favorecer a súa iniciación á interpretación a través da lectura dramatizada, neste 2025 o FIOT continúa con esta proposta que xa vai pola XXIV edición. En consonancia cos novos tempos, a participación foi mediante un arquivo de vídeo coa gravación da lectura, para que todos/as os/as interesados/as poidan ver escoitar e ver as interpretacións dos grupos participantes a través das redes sociais do festival.
O xurado seleccionou aos grupos que gozaron da experiencia radiofónica nos estudos profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, destas gravacións, saíron os finalistas. Agora gozaremos da súa lectura en directo na emocionante gala final que se celebrará este domingo, 9 de novembro, ás 18.00h, no Pazo da Cultura, na que o o xurado fallará os premios para libros e material didáctico cortesía da Libraría Brañas. E non faltará o peche coa tradicional chocolatada!
📷 Premiados no certame de 2024