A web oficial do concello de Carballo

O talento sénior conecta cunha trintena de empresas na feira de emprego da Cámara de Comercio para maiores de 45 anos

O Fórum Carballo converteuse esta mañá no motor da empregabilidade coa celebración do VIII Encontro 45+, unha iniciativa organizada pola Cámara de Comercio da Coruña en colaboración co Concello de Carballo. A xornada superou as expectativas ao reunir a máis de 130 persoas en busca de novas oportunidades laborais e a preto de 30 empresas de referencia, que acudiron con máis de 250 ofertas de emprego activas para incorporar talento de forma inmediata.

O acto institucional contou coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e do vogal do Comité Executivo da Cámara de Comercio e presidente de Apecco, Diego Vázquez Reino, que coincidiron en sinalar a urxencia de poñer en valor a experiencia e romper cos estereotipos de idade no tecido produtivo.

As firmas participantes no encontro reflicten a potencia e a diversidade dos sectores estratéxicos da contorna que teñe necesidades de contratación, que abranguen dende a industria e a enerxía ata a construción, os servizos auxiliares, os recursos humanos, a alimentación, o turismo, o lecer e os seguros.

Entre as marcas e entidades presentes nesta oitava edición estiveron A Quinta da Auga, Axober, Apecco, Arce Clima, Espazo Nature, Eulen Flexiplan, Genesal Energy, Grupo Malasa, Nauterra (G. Calvo), Grupo Gestán, Citanias, Grupo Nortempo, Integra CEE, Polígono de Carballo, Tejas Verea, Randstad, Saica, Synergie, Quality People Group, Clece e filiais, Construyendo Empleo, Ocaso, Gadisa, Vegalsa-Eroski e Generali. Tamén tivo presenza co seu propio stand a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo (BDT).

A experiencia como motor económico

Durante a súa intervención, o alcalde, Daniel Pérez, amosou o seu agradecemento á Cámara de Comercio por “seguir apostando con tanta determinación pola promoción do emprego no noso municipio” a través de alianzas que dinamizan o mercado local.

O rexedor fixo ademais unha mención especial a Diego Vázquez Reino, cualificándoo como “un referente do mellor empresariado carballés e un exemplo perfecto de talento de quilómetro cero”, e reivindicou a experiencia como “motor”. “Temos que romper dunha vez por todas cos vellos estereotipos. As mulleres e homes maiores de 45 anos que estades hoxe aquí non sodes o pasado; sodes o presente máis rotundo e o futuro produtivo de Carballo. A actitude, a madurez e a traxectoria non son un custo, son un valor engadido insubstituíble.”

O alcalde tamén destacou o papel de Carballo como o “gran dinamizador económico de toda a Costa da Morte” e situou o Fórum Carballo como un espazo de referencia supramunicipal idóneo para conectar a oferta e a demanda a través da Bolsa de Traballo local. “Para nós non se trata simplemente de xerar postos de traballo nas estatísticas; trátase de crear oportunidades dignas, estables e de calidade, sen deixar a ninguén atrás. O talento neste concello non ten data de caducidade”, concluíu.

Pola súa banda, Diego Vázquez Reino lanzou unha mensaxe directa de optimismo e realismo sobre a situación actual do mercado, especialmente nun ámbito tan potente como o que el representa, o da construción.

Vázquez Reino subliñou que “non importa a idade” e que o momento actual é “inmellorable” para a inserción laboral. Como exemplo sectorial, o presidente de Apecco apuntou que a construción precisa actualmente incorporar a unhas 4.000 persoas en Galicia e que, ante esa necesidade de man de obra cualificada e comprometida, “o único que non miramos é a data de nacemento”.

O programa ENCONTROS 45+ está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e enmárcase dentro do Programa FSE+ de Emprego e Educación, Formación e Economía Social 2021-2027.