A prevención é o principal obxectivo do servizo municipal de control de pragas. Con esa finalidade temos establecido un protocolo de actuación que inclúe labores de desratización na rede de sumidoiros de todas as rúas urbanas, mediante cebos con arame galvanizado. As revisións realízanse mensualmente, alternando os tres sectores nos que está dividido o núcleo de Carballo, ademais de atender avisos puntuais.
O servizo encárgase tamén da desratización, desinfección e desinsectación dos centros escolares, que se leva a cabo tres veces ao ano, aproveitando as vacacións de Semana Santa, verán e Nadal, así coma doutros edificios públicos.
E desde que a avespa velutina chegou a Galicia, o servizo municipal de control de pragas vén xogando un papel fundamental na loita para combatela. Durante os primeiros anos fomos pioneiros neste eido, facéndonos cargo da retirada dos niños, e desde que esa tarefa foi asumida pola Xunta de Galicia centrámonos nas campañas anuais de trampeo, que se realizan desde principios de marzo ata finais de maio. As persoas que queiran colaborar poden achegarse pola sede da empresa que presta o servizo, Plaguiber, na rúa Brasil número 27, para inscribirse e recoller as trampas e o líquido atraente.
A estes labores que se repiten todos os anos hai que engadir todo tipo de avisos de todo tipo que chegan ao servizo a través do teléfono 981 754 699, do correo electrónico info@plaguiber.com, dos servizos municipais ou da APP de incidencias do Concello de Carballo. No ano 2024 foi preciso actuar ante un caso de pulgas nun establecemento, varios de formigas, niños de avespa común en contedores de vidro e, sobre todo, ante as queixas reiteradas de numerosos veciños e veciñas polos problemas que ocasiona a proliferación de pombas en puntos concretos nos que son alimentadas por algunhas persoas.
Neste sentido é importante ter en conta que as pombas, e as aves en xeral, son parte do noso patrimonio natural e proporcionan á sociedade un conxunto de beneficios. A súa alimentación natural consiste en grans e sementes, e outro tipo de alimentos, como pan ou “gusanitos”, poden ser prexudiciais para a súa saúde. Ademais, a presenza de restos de comida na vía pública pode provocar a proliferación de ratos e outros animais. Dar de comer ás pombas supón romper o equilibrio natural e crear molestias e problemas de insalubridade, ademais dos danos que causan as feces en edificios e mobiliario urbano e dos riscos que poden ter para a saúde. Por iso, alimentar ás pombas é unha infracción. Un xesto que semella inofensivo pero que pode ter importantes consecuencias, e que ademais pode supoñer unha sanción.