A web oficial do concello de Carballo

O próximo curso poderán incorporarse ás aulas 214 nenos e nenas nados no noso concello no ano 2022

A Consellería de Educación ten aberto ata o día 20 o prazo de solicitude de praza para o curso 2025-26

No ano 2022 naceron no noso concello 115 nenas e 99 nenos: 214 crianzas en total que cumprirán tres anos neste 2025 e que, polo tanto, en setembro poderán incorporarse ás aulas, posto que a escolarización en educación infantil (de 0 a 6 anos) ten carácter voluntario.

Escola de Sísamo

A distribución territorial deses nenos e nenas é moi desigual, xa o 78% están empadroados na parroquia de San Xoán Bautista e o resto repártense entre doce parroquias. Estes son os datos:

  • Ardaña: 4 (O Barreiro -2-, Carracedo e San Lois)
  • Artes: 1 (Armeade)
  • Bértoa: 10 (Avenida de Bértoa, Juan Montes, Loenzo de Abaixo, Mirón -2- Pau Casalls, A Ponte, Queo da Estrada, Queo de Abaixo e A Rega)
  • Carballo: 167 (núcleo urbano -163-, A Grela -3- e A Ponte Rosende)
  • Entrecruces: 3 (A Redonda, Souto Grande e Taboada)
  • Lema: 2 (Castrillón e O Igrexario)
  • Noicela: 2 (lugares da Imende e O Rapadoiro)
  • Oza: 2 (Vilar de Uz e Vilar do Carballo)
  • Razo: 4 (Vilar de Cidre -3- e estrada do porto)
  • Rus: 8 (Barís -2-, Bouzanogueira, A Canosa -2-, Caxín, Outeiros e San Sadurniño)
  • Sísamo: 2 (A Barcia e O Sisto)
  • Sofán: 5 (As Canelas, A Cruz, O Monte, A Piña e A Tapia)
  • Verdillo: 4 (O Añón -3- e A Garrida)

En cinco parroquias (Rebordelos, Vilela, Cances, Goiáns e Aldemunde) non está empadroado ningún neno nado no ano 2002. Pola contra, a maior parte da poboación infantil concéntrase dentro da zona urbana, con diferencias por barrios ou zonas: por exemplo, no distrito formado polas rúas da contorna da Praza do Concello naceron 5 nenos no ano 2022 mentres que no ámbito dos Baños Vellos, Ponte da Pedra e zona da Biblioteca Rego da Balsa hai 26 empadroados.

Solicitude de praza

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten aberto do 1 ao 20 de marzo o prazo para que as familias soliciten praza para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de educación infantil), así como para aqueles alumnos de infantil, primaria, ESO e bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.

As listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 25 de abril; as definitivas, o 15 de maio, e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de infantil e primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

A tramitación pode realizarse en liña nesta ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED550B&ano=2022&numpub=1&lang=es