A compañía galega presenta a noite deste venres, 23 de outubro, no FIOT35, “A arte da guerra”, coprodución do festival que transforma o tratado de Sun Zi nunha sátira feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos do noso tempo.
O FIOT acollerá por primeira vez en Galicia “Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos”, o celebrado espectáculo da dramaturga e directora María Velasco, que a prensa especializada cualifica como “un espectáculo vibrante y lúcido con dos intérpretes deslumbrantes” e “una obra redonda sobre el amor contemporáneo”.
A programación do xoves 22 ao domingo 25 de outubro no FIOT35 completarase coa fetexada traxicomedia punk “Solo quería bailar”, de Olalla Hernández, ás últimas pezas do X Certame de Micro-Escenas M², presentacións literarias, encontros arredor da memoria teatral, actividades de participación comunitaria e a gala de entrega do Xograr de Outono.
Todos os detalles desta 35ª edición do FIOT poden consultarse na páxina web do festival, www.fiot.gal, mentres que as últimas entradas para as diferentes liñas da programación aínda dispoñibles poden adquirise a través de Ataquilla.com.
Carballo, 21 de outubro de 2026.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) afronta a súa quinta semana de programación cunha proposta que reúne tres das citas máis destacadas desta 35ª edición: a estrea absoluta de “A arte da guerra”, de Mofa e Befa; a chegada por primeira vez a Galicia de “Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos”, da dramaturga e directora María Velasco; e “Solo quería bailar”, a traxicomedia sevillana punk protagonizada por Olalla Hernández. Do xoves 22 ao domingo 25 de outubro, o festival combinará estas tres propostas con teatro para público novo, microescenas, presentacións literarias e actividades que reivindican a memoria escénica e o encontro entre a creación artística e a comunidade.
Mofa e Befa: estrea absoluta de “A arte da guerra”
A mítica compañía galega Mofa e Befa regresa ao FIOT cunha nova creación que poderá verse por primeira vez o venres 23 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. “A arte da guerra”, coproducida polo festival, toma como punto de partida o lendario tratado de Sun Zi para construír unha farsa feroz e irreverente sobre o poder, o engano e os conflitos que atravesan a sociedade actual.
Reis, xenerais, concubinas, espías, magnates, adestradores de fútbol, avogadas matrimoniais e outras figuras atrapadas en singulares conflitos humanos compoñen un retablo urxente dun mundo en colisión, no que rexurde o belicismo. Fiel ao seu particular estilo, Mofa e Befa transforma a sabedoría militar chinesa nunha sátira da nosa época, na que a ironía e a gargallada se converten nas mellores armas para mirar criticamente o presente. Porque, se todo é unha guerra, a compañía propón tomala con humor e combater, sobre todo, o aburrimento.
A montaxe conta coa interpretación de Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto, co espazo escénico de Marcelino de Santiago “Kukas”, o deseño lumínico de Octavio Mas e a dramaturxia e dirección de Carlos Santiago.
A estrea absoluta estará precedida dunha función escolar o xoves 22, ás 11.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura. Ademais, a función do venres acollerá ao seu remate a entrega do Xograr de Outono 2026 a Antonio Porteiro, un dos recoñecementos que forman parte da identidade do festival.
“Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos” por primeira vez en Galicia
O sábado 24 de outubro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha das citas máis agardadas da semana: “Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos”, da dramaturga e directora María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024. O espectáculo chega por primeira vez a Galicia avalado pola súa acollida crítica. El País definiuno como “un espectáculo vibrante y lúcido con dos intérpretes deslumbrantes” e “una obra redonda sobre el amor contemporáneo”.
A peza parte da historia dunha muller que chega á metade da vida apática e descreída. A irrupción dun novo amor convértese nun acontecemento extraordinario, comparable á aterraxe dun obxecto voador non identificado: unha experiencia capaz de devolvela ao pensamento máxico e de facela crer de novo nas grandes utopías.
Desde o humor e a medio camiño entre a autoficción e a ciencia ficción, Velasco reflexiona sobre o amor nunha sociedade marcada polo individualismo e pola procura de afectos sen riscos. Amar convértese nunha aventura cara ao descoñecido, capaz de alterar a maneira de mirar o mundo e de abrir novas posibilidades nun contexto no que semella difícil confiar nos demais.
A montaxe combina teatro, música en directo, danza e creación audiovisual nunha proposta de poderosa factura visual. María Jáimez e Carlos Beluga protagonizan o espectáculo, que conta con coreografía de Josefina Gorostiza, creación audiovisual e multimedia de Albert Coma, escenografía de Jose Novoa, espazo sonoro de Tagore González e deseño de iluminación de Pilar Valdevira. A produción é de Pecado de Hybris, en coprodución con Nave 10 Matadero.
Humor, rabia e danza para contar unha historia de exclusión
O domingo 25 de outubro, ás 20.00 horas, o FIOT pechará a programación da semana con “Solo quería bailar”, de Olalla Hernández, unha proposta que chega a Carballo en estrea en Galicia dentro da liña OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado).
A partir da premiada novela de Greta García, a obra constrúe unha traxicomedia sevillana punk arredor de Pili, unha bailarina que, desde a cela na que cumpre unha condena de trinta anos de prisión, reconstrúe o camiño que a levou ata alí. A súa historia dá conta dunha vida na que o sistema parece empeñado en pechar todas as portas e convértese nun retrato da precariedade, da burocracia e das estruturas que exclúen.
Con retranca, rabia e unha fonda humanidade, “Solo quería bailar” mestura monólogo, palabra, humor e danza para dar voz a unha muller que reivindica o dereito a ocupar un lugar no mundo e a sentirse querida. A dirección, a escenografía e a coreografía son de Alberto Velasco, que acompaña a interpretación de Olalla Hernández nunha proposta intensa e irreverente na que a arte aparece tanto como un soño frustrado como un motor de resistencia.
Máis Micro-Escenas M²
O sábado 24 de outubro, o FIOT celebrará unha nova xornada do Certame de Micro-Escenas M², que alcanza a súa décima edición e leva o teatro a espazos cotiáns da vila, favorecendo o encontro directo entre artistas e espectadores a través de pezas breves e formatos de proximidade.
A programación inclúe “A vergonza era verde e comeuna a vaca”, de Alicia López Méndez, con funcións ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas en upa! Espazo barefoot. Mentres, a proposta “Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela”, de Aterradas, poderá verse nos mesmos horarios en Sweet Spirit Moda Infantil.
O M² é unha das liñas máis singulares do FIOT: un laboratorio de creación e exhibición que explora as posibilidades do teatro fóra dos escenarios convencionais e achega a creación contemporánea a novos públicos.
Libros, memoria teatral e participación comunitaria
A actividade paralela do xoves 22 comezará ás 19.00 horas coa presentación de “A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII”, do investigador Javier Gándara Feijóo, no Pazo da Cultura. O autor estará acompañado por Ramon Pinheiro, editor de aCentral Folque. O libro ofrece unha lectura dunha Galicia interconectada, plural e culturalmente dinámica, e reflexiona sobre o papel das artes escénicas na construción da identidade cultural. A continuación, contra ás 20.00 horas, terá luagar unha segunda presentación literaria: “NARF. Canto sentido”. Cando se cumpren 10 anos do seu pasamento, amigos e outros músicos próximos a Fran Pérez “NARF” promoveron a edición dun libro-CD homenaxe a este importante músico, cantante e compositor galego, recoñecido pola orixinalidade e riqueza da súa obra e a incorporación de múltiples influencias sonoras ao rock. Tivo unha frutífera relación co teatro, compoñendo a música para máis de 30 espectáculos. Editado por a Central Folque, algúns dos autores desta publicación colectiva son Quico Cadaval, Xelís de Toro, Carlos Santiago, Uxía ou Pepe Sendón, ou Ramón Bermejo.
Pola súa banda, o sábado 24, ás 10.00 horas, desenvolverase no Pazo da Cultura o Coro Teatral LoitaMADRE, un laboratorio impulsado por ButacaZero con Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, en colaboración con Camino Escena Norte. A actividade forma parte dun proceso de creación escénica que toma como punto de partida a loita das nais contra a droga en Galicia e o papel das mulleres nos movementos de transformación social, e propón explorar a forza dunha voz colectiva a través do teatro.
Ese mesmo día, ás 18.00 horas, o festival celebrará unha conversa arredor do mestre Manuel Lourenzo, figura fundamental da escena galega e integrante da comunidade de honra dos Xograres de Outono. O encontro servirá para afondar no seu legado e na pegada que continúa deixando en varias xeracións de creadoras e creadores.
Durante toda a semana poderán visitarse tamén no Pazo da Cultura, de 17.00 a 21.00 horas, as exposicións “Zoom FIOT 2025” e “Manuel Lourenzo. A pegada que continúa”, que convidan a percorrer a memoria visual do festival e a achegarse á dimensión artística e humana dun dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.