A web oficial do concello de Carballo

O modelo de Carballo, na mesa redonda sobre vocacións científicas organizada por Pint of Science España para o 17 de abril en Madrid

A democratización do coñecemento e o acceso á ciencia fóra das grandes capitais serán os eixes centrais da mesa redonda Vocacións científicas sen fronteiras: rompendo barreiras sociais e territoriais, organizada desde Pint of Science España, que se celebrará o venres 17 de abril no Círculo de Bellas Artes de Madrid.

Entre o panel de expertos destacados a nivel estatal figura o noso concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Axenda Urbana e Fondos Europeos, Iván Andrade Tasende, que tamén é o coordinador local do Pint of Science. A súa participación subliña o éxito de Carballo como referente na divulgación científica, unha relevancia que se verá consolidada este ano con dous eventos relacionados co festival.

Por unha banda, o Pint of Science Carballo (18, 19 e 20 de maio): o festival internacional regresará un ano máis aos bares da localidade, achegando a ciencia á veciñanza nun ambiente relaxado e distendido.

Por outra, o II Encuentro Pintero (30 e 31 de maio): Carballo foi elixida como a sede oficial deste encontro nacional que reunirá a organizadores e voluntarios do festival de toda España. Trátase dun evento de convivencia e traballo onde se deseñarán as estratexias de futuro para a divulgación científica no país.

Unha estratexia contra a fenda territorial

O obxectivo da xornada en Madrid é analizar por que case o 22% dos menores en España vive en situación de vulnerabilidade, o que limita o seu acceso a actividades STEAM. No medio rural, esta situación agrávase pola dispersión xeográfica e a escaseza de centros culturais.

Iván Andrade participará no bloque de Políticas públicas para a equidade, no que compartirá mesa con figuras como Lucía del Moral Espín (asesora científica do Ministerio de Juventud e Infancia), Pura Fernández (vicepresidenta adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá no CSIC), e Patricia Aramayo, voceira de Educación no Formal, Voluntariado, Infancia e LGTBIQ no Consejo de la Juventud de España.

“É un orgullo levar a voz de Carballo a un escenario como o Círculo de Bellas Artes de Madrid, o que demostra que o noso concello é xa un referente en como conectar a ciencia coa sociedade de xeito inclusivo e lonxe dos grandes núcleos urbanos”, sinala Iván Andrade.