A web oficial do concello de Carballo

O Mes das Persoas Consumidoras arrinca no mercado municipal con MercaEscola e o sorteo de 10 carriños da compra

O mercado municipal de Carballo converteuse hoxe no punto de partida do Mes das Persoas Consumidoras coa inauguración da terceira edición de MercaEscola e o inicio do reparto de boletos para o sorteo de 10 carriños da compra.

A nova edición do programa formativo arrancou con 30 persoas participantes, esgotando un ano máis as prazas dispoñibles. A primeira sesión, titulada Coñece e defende os teus dereitos como consumidor/a, desenvolveuse dentro do programa Consumo en ruta do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), e estivo centrada na información práctica sobre dereitos, reclamacións e protección das persoas consumidoras.

No acto de apertura participaron o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e o alcalde, Daniel Pérez.

Varela destacou a consolidación dunha actividade que “esgota prazas todos os anos” e que vai renovando os seus contidos en función das propostas das propias persoas asistentes. A maioría repite edición tras edición, pero este ano hai tamén bastantes caras novas, mostra do interese por MercaEscola.

Pola súa parte, o alcalde animou ás persoas participantes a aproveitar unhas sesións “moi variadas e útiles no día a día” e puxo en valor o mercado municipal como algo máis ca un espazo de compra: “É tamén un lugar de encontro, aprendizaxe e socialización”, dixo.

Coincidindo co inicio de MercaEscola, este luns comezou tamén o reparto de boletos para o sorteo de 10 carriños da compra, que se celebrará o día 16 de marzo. Por cada compra realizada en calquera posto do mercado —sen importe mínimo— entrégase un vale para participar.

Con estas iniciativas, incluídas no plan de dinamización anual, a Concellaría de Feiras e Mercados reforza a programación do mercado municipal durante o Mes das Persoas Consumidoras, combinando formación e incentivos ao comercio de proximidade.

En Carballo celebramos o Mes das Persoas Consumidoras con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, que se conmemora o 15 de marzo e que foi instaurado en 1983 pola Organización das Nacións Unidas para lembrar e reforzar os dereitos que asisten ás persoas consumidoras.