O Concello de Carballo continúa avanzando no desenvolvemento do Plan de dinamización do mercado municipal cunha nova programación de actividades que combina a promoción dos produtos tradicionais coa sensibilización en materia de saúde.
Con motivo da chegada da Pascua, os días martes 31 de marzo e mércores 1 de abril, o mercado municipal acollerá unha acción especial de promoción do tradicional boliño de Pascua, un produto emblemático da gastronomía local.
Durante esas dúas xornadas, por cada compra realizada nos postos do mercado entregarase un vale que poderá trocarse por un boliño no posto de Panadaría Nuria, en horario de mañá.
Co obxectivo de favorecer o acceso ao maior número posible de persoas, establécese un límite máximo de un boliño por persoa e día, ata esgotar existencias.

Día Mundial da Saúde
No marco da conmemoración do Día Mundial da Saúde, o Concello organiza tamén dúas xornadas de divulgación centradas na prevención da hipertensión e da diabetes mellitus.
As sesións, de carácter gratuíto, desenvolveranse nas seguintes datas:
- Martes 7 de abril, de 10.00 a 12.00 horas e de 16.30 a 18.30 horas
- Xoves 9 de abril, de 10.00 a 13.00 horas
Estas accións, que xa se levaron a cabo o ano pasado, teñen como finalidade promover hábitos de vida saudables e achegar información útil á cidadanía nun ámbito clave como é a saúde preventiva. As persoas que teñan a súa libreta de anotacións das medicións poderán levala ao mercado.
Un plan para todo o ano
Estas iniciativas enmárcanse no Plan de dinamización do mercado municipal, que ten como obxectivo reforzar o vínculo entre a veciñanza e o mercado, impulsar o comercio de proximidade e consolidar unha programación estable de actividades ao longo do ano.
O plan conta coa colaboración da asociación profesional A Praza, recentemente creada para representar ao sector e participar activamente na promoción e mellora do mercado.