O Mercado Municipal de Carballo deu hoxe o pistoletazo de saída á súa nova campaña de dinamización comercial estival. Unha iniciativa que, ademais de premiar a fidelidade da clientela, ten como gran obxectivo promover hábitos de protección solar e previr o cancro de pel entre a veciñanza.
Para marcar o inicio desta acción, as instalacións municipais acolleron esta mañá unha presentación pública na que se amosaron algúns dos agasallos que se van repartir. O acto contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela; a presidenta da asociación de praceiros A Praza, Ángeles Bello; e, en representación da Asociación contra o Cancro de Carballo, María Suárez.
“Con esta campaña demostramos que o noso mercado non só dinamiza a economía local, senón que é un axente activo que se implica de cheo no benestar e na saúde de todos os carballeses e carballesas”, apuntou o alcalde. Neste sentido, María Suárez apuntou que “a prevención e a protección solar son as nosas mellores ferramentas contra o cancro de pel, e non hai mellor canle para difundir esta mensaxe que o corazón comercial e o día a día do noso mercado”.
Desde hoxe, todas as persoas que realicen compras superiores a 15 euros en calquera dos postos do mercado municipal recibirán un boleto tipo “rasca” (ata fin de existencias). A campaña distribuirá milleiros de premios directos ideados para desfrutar do verán ao aire libre de xeito seguro: gorras, xogos para a praia (cometas, frisbis e balóns inchables), bolsas e agasallos sorpresa. Os boletos afortunados poderán trocarse directamente na conserxaría do propio mercado (teléfono de contacto 663 140 455).
O concelleiro de Feiras e Mercados reiterou que desde a súa área preténdese converter o mercado “nun punto de encontro vivo onde, ademais de facer a compra do día con produtos de máxima calidade, a veciñanza atope iniciativas que sumen prevención e pedagoxía social”. E, por parte dos/as praceiros/as, Ángeles Bello destacou que esta campaña “é a nosa forma de agradecer a fidelidade da clientela de sempre mentres coidamos, entre todos, da saúde da nosa comunidade.”
A promoción manterase activa desde hoxe mesmo e ata que se esgoten as existencias dos boletos. Desde o Concello e as asociacións implicadas animan a toda a cidadanía a achegarse aos seus postos habituais do Mercado, facer a compra do día e probar sorte cos rascas preventivos.