Este sábado, 6 de xuño, o pavillón municipal Vila de Noia vestirase de gala para acoller a segunda edición do Torneo Rítmica Carballo, un evento que experimenta un crecemento espectacular e que reunirá nesta ocasión a preto de 700 ximnastas procedentes de diversos clubs das provincias da Coruña, Lugo e, moi especialmente, Pontevedra.
A xornada estará dividida en dous grandes bloques para que o público poida gozar do mellor talento base da comunidade. Pola mañá, de 09:00 a 14:00 horas, celebrarase a xornada de competición, onde as ximnastas (desde a categoría de iniciación ata pre-base) amosaran o seu traballo e esforzo técnico ante os xuíces. Xa pola tarde, de 17:00 a 19:30 horas, o tapiz do Vila de Noia acollerá a xornada de exhibición, un momento máis lúdico e artístico ideal para o goce de todas as familias e afeccionados.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, asistiron hoxe á presentación do torneo xunto cunha ampla representación do club local. A súa presidenta, Manuela Velo, amosou a súa ledicia pola acollida desta segunda edición: “Ver o Vila de Noia cheo con 700 ximnastas é un soño feito realidade e o reflexo do auxe que está a ter a rítmica no noso concello e na contorna. Este torneo non é só unha competición, é un premio ao esforzo diario de nenas, adestradoras e familias. Queremos agradecer o apoio do Concello e de todos os patrocinadores que fan posible un evento desta magnitude”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, destacou o impacto do torneo no tecido deportivo local: “Para o noso concello é un orgullo apoiar citas coma esta, que poñen en valor o deporte feminino e de base. Organizar un evento para 700 deportistas esixe unha loxística impecable, e dende a Concellaría de Deportes seguiremos apoiando eventos de calidade que fomenten hábitos saudables e valores de compañeirismo desde idades moi temperás”.
O alcalde, pola súa banda, quixo subliñar a proxección exterior que supón para a vila recibir a centos de visitantes: “Carballo demostra unha vez máis a súa enorme capacidade para atraer e organizar eventos de referencia a nivel galego. Este sábado imos recibir a centos de familias, que, ademais de gozar do torneo, van consumir, pasear e coñecer o noso pobo. O deporte é saúde, pero tamén é un motor dinámico para a nosa economía local e un escaparate do orgullo carballés”.
O Concello de Carballo e o club organizador convidan a toda a veciñanza e ás persoas afeccionadas á ximnasia rítmica a achegarse ao Vila de Noia este sábado para gozar dunha xornada única chea de música, cor, disciplina e moito talento.