A web oficial do concello de Carballo

O II Feirón en rede sementa solidariedade e participación na Praza do Concello de Carballo malia a intensa calor

Malia a intensa calor que marcou a xornada dominical, a Praza do Concello de Carballo converteuse hoxe no corazón latexante do terceiro sector local coa celebración do II Feirón en rede “Carballo solidario”. Esta segunda edición serviu para consolidar un espazo aberto, dinámico e profundamente participativo onde a veciñanza e o tecido asociativo estreitan lazos.

A xornada arrincou ás 10.30 horas, no marco da tradicional feira quincenal, coa apertura das 15 casetas informativas, unha do Concello de Carballo e 14 das entidades participantes: AECC, ALCER, Fundación Érguete Integración, Cruz Vermella, Un Paso Máis, O Legado de Max, Afaber, Cáritas, Aspaber, APEM, Íntegro, Vieiro, Lenda Educativa e Senegaleses Carballo.

O evento contou cunha destacada representación institucional encabezada polo alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, xunto con outros membros do goberno municipal que tamén se achegaron para amosar o seu apoio a un traballo diario que resulta vital para a cohesión do municipio.

Máis aló de ofrecer información sobre os seus respectivos recursos e proxectos, as entidades sociais despregaron un abano de actividades interactivas que propiciaron a concienciación social a través da experiencia directa: música de Senegal, campaña contra o tabaco, taller de chapas… As concellarías de Servizos Sociais e Feiras e Mercados tamén se sumaron á animación da feira cun recuncho infantil e a música da Charanga Benofán.

A protección animal tivo unha xanela moi especial no posto de O Legado de Max. A protectora estivo acompañada por unha das moitas gatiñas abandonadas que custodian e coidan na actualidade na súa procura activa de fogares, un emotivo testemuño e reclamo en favor da adopción responsable.

Ao peche da xornada, a valoración compartida polas entidades participantes foi moi satisfactoria. Malia as altas temperaturas, o grao de implicación cidadá, o volume de consultas recibidas e o clima de fraternidade e colaboración interasociativa demostraron que o modelo do Feirón en rede é unha ferramenta imprescindible. A exposición paralela Que pasaría se non existisen as entidades sociais? serviu de marco conceptual perfecto para recordar que, sen o motor humano destas organizacións, Carballo non sería o municipio inclusivo, xusto e acolledor que demostrou ser hoxe.