O campo municipal das Eiroas vaise transformar durante a fin de semana na plataforma de lanzamento das próximas estrelas do fútbol. As canteiras do FC Barcelona, Atlético de Madrid, Athletic Club de Bilbao, Valencia CF, Real Sociedad, RC Celta, RC Deportivo da Coruña, do portugués FC Porto e do xaponés Next Japan Under Armour compartirán campo e competición co Bergantiños FC no I Torneo Internacional Sub-16 Bergantiños Football Cup, una cita deportiva inédita que chega coa intención de manterse no tempo como un evento de proxección internacional.
A competición desenvolverase do 5 ao 7 deste mes de setembro, e ademais incluirá un partido genuine entre o Deportivo e o Racing Vilalbés e outro feminino entre os equipos cadetes do Val de Narón e o Bergantiños. Pero, máis alá da competición, o torneo ten unha parte lúdica moi importante. Durante toda a fin de semana haberá animación, música, postos de comida no exterior do campo… e outras actividades que contribuirán a dinamizar a estancia de xogadores/as e familias en Carballo.
Todos os detalles desveláronse este martes na presentación do torneo, na que interviñeron Manuel Castiñeiras, responsable da base do Bergantiños FC; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Luciano Calvo, presidente do Bergantiños, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.
“O cartel é espectacular. É un torneo que ven para quedar e que contribuirá a dar visibilidade ao fútbol da costa”, indicou Manuel Castiñeiras, que foi o encargado de expoñer o desenvolvemento da competición.
Xosé Regueira cualificou o evento como “totalmente singular” e vaticinou que será un éxito: “Imos ver talentos que en moi pouco tempo imos estar desfrutando deles en torneos internacionais e na Liga de Primeira”.
Ao carácter “único” da competición aludiu tamén Luciano Calvo, que fixo un chamamento á veciñanza de toda a Costa da Morte para que se acheguen ata As Eiroas, “porque é un torneo singular, dos poucos deste tipo que se celebran en España, e coas mellores canteiras de España”.
Para Evencio Ferrero, o torneo supón “unha oportunidade única de ver as mellores escolas de fútbol a nivel mundial”. Para o alcalde, unha iniciativa destas características e de tanta envergadura “non xorde da nada”, senón que é o resultado “dun longo camiño percorrido polas Escolas Luis Calvo Sanz e polo Bergantiños e dunha aposta pola formación”.