O FIOT retomará en febreiro de 2026 a estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o venres, 6 de febreiro, ás 21.00 h. A peza é unha coprodución do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A estrea da peza houbo de ser cancelada o pasado mes de outubro, no marco da 34ª edición do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes, que está xa recuperado. A función, quere levar a maxia da improvisación oral a novos públicos, consolidando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de unir humor, emoción e coñecemento nun espectáculo participativo e festivo, estarán dispoñibles no mes de xaneiro.
Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres recoñecidos regueifeiros e músicos traen á escena unha forma moi nosa de humor e crítica social, achegando ao público de hoxe a historia, o oficio, e o mundo desta ancestral expresión cultural.
Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, do oral, que forma parte da nosa identidade. En Carballo, a regueifa mantense viva cos regueifeiros tradicionais e con proxectos de revitalización. O FIOT non pode ser alleo a explorar este Territorio Regueifa, unha inédita e ambiciosa proposta escénica que pon en valor este xénero artístico que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre varios participantes e que está en consonancia co lema desta edición do FIOT, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva.
Improvisación, humor, música, teatro e a “chispa” e espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total! A responsable do proxecto é Ainé, a produtora dirixida por Xosé Antonio Touriñán cunha década de experiencia na creación de espectáculos de artes escénicas pensando no público e comprometidos coa lingua e a cultura de Galicia. O divertimento está, sen dúbida, asegurado.
Máis de 30 anos de aposta polo teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
📷 ©️ Vanessa Rábade
