O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresa ás salas, ás rúas e a espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 34ª edición do 25 de setembro ao 1 de novembro de 2025, da man de recoñecidas figuras das artes escénicas como María Galiana, Paula Carballeira e José L. Prieto, entre moitas outras. O festival presentou está mañá o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como o leitmotiv para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade.
O festival desvelou os primeiros nomes da súa programación, cos espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, da querida compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú, con dirección da Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira; e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, peza firmada e dirixida por Elisabeth Larena e protagonizada por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
Todo isto desvelouse no Bosque do Añón de Carballo, que acolleu na mañá deste martes 15 de xullo a presentación das datas, o cartel e este breve avance do 34º FIOT. O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; do director do FIOT, Alberto Sueiro; e da concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez Cotelo.
A principios do mes de setembro, o FIOT presentará o programa completo da súa 34ª edición, con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.
Raíz viva, memoria colectiva
Hai raíces que non se ven, pero se senten. Nacen de dentro das entrañas, do que fomos e do que levamos gardado sen sabelo. Nesta 34ª edición, o FIOT convida a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro. O leitmotiv desta nova edición, a número 34, do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo,“raíz viva, memoria colectiva”, é unha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte da nosa estrutura profunda. Este festival explora esa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
A concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, destacou o FIOT como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo, amosando o firme compromiso municipal co festival, como unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico. Suárez detívose, tamén, na filosofía do FIOT, a raíz, “que reflicte, tamén, a actual liña de traballo da área de cultura da corporación municipal: a tradición, a recuperación da identidade, a orixe e a raíz como símbolo da nosa rica e potente identidade”. E remarcou: “Desde hai máis de tres décadas o FIOT é o símbolo, o faro, que sustenta a nosa cultura propia. O FIOT mira cara o futuro e está na mesma raíz da nosa localidade”.
Pola súa banda, Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quixo facer fincapé na contorna elixida para a presentación do cartel desta nova edición do festival: “o río Anllóns e o seu bosque teñen un significado moi especial para Carballo. Non son só un espazo de beleza natural, senón tamén unha testemuña viva da relación profunda entre a localidade bergantiñá e a súa contorna. Cada paso polos seus sendeiros é un suspiro de historia, de costumes e dun amor compartido pola terra que dá vida á nosa vila.
O director do festival, Alberto Sueiro, “na era da globalización e mesmo da despersonalización na que vivimos, da sociedade líquida, inestable e fráxil, de estruturas e valores cambiantes, percíbese un rexurdimento con forza da posta en valor das raíces, das orixes como conformadoras da identidade propia e colectiva, da memoria, do local e do noso patrimonio como nutrientes esenciais que nos manteñen en pé e fundamentan o noso futuro”.
Sueiro apuntou, tamén, que “na propia raíz está o xerme para a renovación, para a creatividade, a evolución e a diversidade, que establecen unha tensión permanente co legado e coa tradición. A variedade das propostas que presentamos conducirannos por viaxes emocionais ou narrativos diversos, colectivos ou individuais, que poden axudarnos nesta reflexión de que a nosa historia contemporánea, non comeza con nós senón na nosa raíz”. E concluíu: “Benvidas e benvidos a unha nova e, de novo, ilusionante, edición do FIOT”.
Avance da programación
Esta mañá, o FIOT avanzou tres producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa na edición número 34 do festival, da man de compañías tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé e Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
En consonancia co lema desta edición, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva, o FIOT colabora na coprodución do espectáculo Territorio regueifa, de Ainé Producións. Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres músicos e regueifeiros achegan ao escenario unha forma moi nosa de humor e crítica social. Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, o patrimonio oral, salvagarda e transmisor da nosa memoria, que aínda se conserva e forma parte da nosa identidade.
En Carballo, a regueifa mantense aínda presente, cos últimos regueifeiros tradicionais e, tamén, con novas xeracións que están a actualizar o xénero a través de diversos proxectos de revitalización, como as iniciativas do Concello de Carballo Escola da regueifa, a Liga da regueifa, os obradoiros Enreguéifate ou o certame de La Voz de Galicia que se celebra en Carballo Premios Galegos de Regueifa, ademais doutras iniciativas de ámbito galego como Espallando rimas.
Por estes motivos, o FIOT non podía ser alleo a este Territorio regueifa de Ainé, unha ambiciosa proposta escénica que busca trasladar a esencia da regueifa aos códigos do público actual. Coa estrea absoluta deste espectáculo, o festival abrirá o seu programa de sala a primeira fin de semana do mes de outubro, apertura á que se une outra representación destinada ao alumnado de Educación Secundaria, que asistirá á preestrea da obra no marco do programa FioTEEN.
Pola súa banda, as outras dúas pezas anunciadas, Berenguela na gaiola e Yo solo quiero irme a Francia, reflicten ben outra das grandes sensibilidades do FIOT: son historias de mulleres que anhelan a súa liberdade, co teatro como poderoso instrumento para narrala e acadala.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.



@culturacarballo 🎭 34 FIOT | O Bosque do Añón foi o escenario elixido para presentar o cartel da próxima edición do @fiotcarballo Unha imaxe co lema “raíz viva, memoria colectiva” que será o que impregne o espíritu do festival. Ademais, o alcalde, Evencio Ferrero, a concelleira de Cultura, Maruxa Suarez, e o director do festival, Alberto Sueiro, avanzaron algúns dos espectáculos que poderemos ver no outono, con nomes como María Galiana, José L. Preto ou Paula Carballeira. Toda a info en carballo.gal #FIOT #34FIOT #culturacarballo #carballo #fyp #tiktok #foryoupage #parati
♬ sonido original – Cultura Carballo