O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre ata o 20 de xuño a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, e que naceu ao abeiro do FIOT como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.
As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
O FIOT abre a inscrición da novena edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 26 de outubro de 2025.
Neste 2025, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. A presentación de solicitudes pode facerse a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com ata o 20 de xuño.