A web oficial do concello de Carballo

O festival de divulgación científica Pint of Science bota raíces en Carballo para que floreza o talento local

O festival de divulgación científica Pint of Science bota raíces en Carballo. Na súa primeira edición non só encheu os bares de ciencia, facendo honra ao seu lema, senón que nos permitiu descubrir unha fecunda canteira de investigadoras e investigadores locais que segue a medrar: “Temos unha listaxe de máis de cincuenta”, dixo Iván Andrade, concelleiro de Innovación e coordinador do festival no noso concello, na presentación da segunda edición.

Este ano eses nomes propios serán os da enxeñeira química Xanel Vecino, o físico Manuel Gundín, a enxeñeira informática Lara Pallas, a bióloga María Vidal, o xornalista Manuel Rey e a arquitecta Nerea López, que se incorpora ao equipo científico en substitución de Karina Pombo, que finalmente non poderá desprazarse desde Londres por motivos persoais. Todas e todos son investigadoras e investigadores de quilómetro cero, de Carballo ou con fortes vínculos co noso concello, como é o caso de María Vidal, gran experta na píllara das dunas.

Pint of Science regresa os días 19, 20 e 21 de maio de xeito simultáneo nos bares de máis de vinte países de todo o mundo e nun total de 74 cidades españolas, Carballo entre elas. O noso é un caso singular por varios motivos, e un deles é que se trata do único caso no que a organización recae directamente nunha administración local. “Gústanos ser pioneiros pero tamén nos gustaría non ser os únicos, e que tamén outros concellos apostasen por esta iniciativa”, apuntou o alcalde, Evencio Ferrero.

Con eles, alcalde e concelleiro, estiveron o resto das persoas que integran o equipo organizador e unha ampla representación tanto dos científicos e científicas que nos achegarán as súas investigacións dun xeito ameno e didáctico, apto para todo o mundo, coma dos patrocinadores e colaboradores, que tamén medran. Á Fundación Luis Calvo e Bodegas Carballo, que apostaron polo festival desde a primeira edición, súmanse o Centro Comercial Aberto (CCA) e La Voz de Galicia.

Os/as participantes no festival Pint of Sciencie terán un reto ao que case todos se enfrontan por primeira vez: facer chegar as súas investigacións ao público en charlas de 20 minutos. Queres saber de que van falar?

Pintíficos e pintíficas 2025
Pintíficos e pintíficas 2025

LUNS 19

CAFETARÍA PAZO DA CULTURA (19.30 H)

Biohackeando o futuro: menos químicos, máis saúde

Xanel Vecino Bello (Profesora e investigadora Ramón y Cajal no departamento de Enxeñaría Química da UVIGO)

Non só medrou a preocupación social polo medio ambiente, senón que, cada vez máis, as persoas demandamos produtos máis biodegradables e biocompatibles. Neste sentido podémonos preguntar: Que produtos cotiáns empregamos no noso día a día? Que compostos químicos teñen? Que efecto producen no noso corpo? Os surfactantes químicos están presentes en moitos deles, pero a investigación busca ingredientes naturais que presenten beneficios iguais, mellores ou adicionais en comparación cos de base química.

Arquitectura e cancro: como inflúe no noso benestar

Nerea López Bolón (Arquitecta)

Un hospital recibe diariamente a persoas enfermas, preocupadas, estresadas… Persoas que de xeito repentino vénse forzadas a saír da súa vida cotiá e advertir a fraxilidade da vida. A arquitectura sanitaria foi pensada e proxectada para curar, do xeito máis eficiente, ao paciente; pero non para coidalo. A funcionalidade prima sobre o deseño e os números sobre as emocións. Espazos pouco iluminados, asépticos e con recorridos infinitos crean unha atmosfera deshumanizada e pouco alentadora. Factores que inflúen negativamente no noso camiño de lidar cunha enfermidade como pode ser o cancro.

MARTES 20

OITO BAR (19.30 H)

Ataxia da Costa da Morte: un mal sen cura (por agora) na Fin do Mundo

Manuel Rey Pan (Responsable de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE))

Durante séculos, decenas de familias da Costa da Morte sufriron un mal ao que ninguén puxera nome. Pero a comezos dos anos 90, un neurólogo observou un patrón nun grupo de pacientes, chegados á súa consulta desde as beiras do río Anllóns. Así se xestou a historia da SCA 36, a Ataxia da Costa da Morte.
Coas achegas do equipo científico que descubriu a enfermidade e as familias afectadas, farase un percorrido pola investigación realizada para coñecer a doenza que padecen hoxe máis de 150 persoas na Costa da Morte. Hoxe xa ten nome, e, probablemente, poderá ter tamén, no futuro, unha cura.

Explorando a Galaxia con Gaia e os mapas SOM

Lara Pallas Quintela (Enxeñeira informática e doutoranda IA UDC)

A misión que leva a cabo o telescopio Gaia está a crear o maior mapa 3D da Vía Láctea. analizando, entre outros, os espectros preto de dous mil millóns de corpos celestes. Para procesar esta enorme cantidade de datos, aplícanse IA, desenvolvendo un método baseado en mapas SOM, unha técnica non supervisada de clustering con redes neuronais. para poder realizar a clasificación destes espectros.

MÉRCORES 21

BAR RANQUI (19.30 H)

Rexouba cuántica: gárdame o segredo!

Manuel Gundín Martínez (Investigador posdoutoral no Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO)

Practicamente dende que o ser humano comezou a escribir, usou códigos para protexer as súas mensaxes. E dende que existen os códigos, hai quen se lanza ao desafío de intentar rompelos. A seguridade das cifraxes determinou o destino de monarcas e imperios ao longo da historia. Nesta charla, invítovos a descubrir os principios da criptografía e os seus vínculos coas matemáticas, a historia e a linguaxe. Volverémonos detectives para descifrar unha mensaxe secreta, e investigaremos como usar os principios da física para crear a cifraxe definitiva. É posible crear unha cifraxe imposible de romper?

De píllaras e cans…

María Vidal Malde (Doutora en Bioloxía e Técnico Superior de Investigación do Departamento do Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC)

Falemos de píllaras e cans, as incómodas verdades na conservación da biodiversidade. Presentamos á Píllara das dunas, unha ave bandeira do noso sistema litoral que afronta unha grave situación de declive a nivel europeo. Falaremos dunha das principais ameazas que afronta na actualidade e está a comprometer o seu fráxil estado de conservación, a presenta dos cans nas praias. Explicaremos, con datos científicos, cal é a verdadeira relación entre píllaras e cans.

Entre charla e charla haberá xogos e sorteos entre o público, que terá a oportunidade de preguntar todas as súas dúbidas aos investigadores e investigadoras. Na organización de Pint of Science Carballo, ademais de Iván Andrade figuran Verónica Bolón, enxeñeira e doutora en Informática, ademais de investigadora; Jorge Cebey, enxeñeiro, profesor e tecnólogo; Daniel Barreiro, xeógrafo e asesor do Concello de Carballo, e Cristina Abelleira, xornalista e responsable de comunicación do Concello de Carballo.