O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo ten preparada para o mes de xuño unha variada programación de audicións e concertos cos que pretende, por unha banda, poñer en valor o traballo diario do alumnado do centro, e, por outra, achegar a música a toda a veciñanza.
Con esa finalidade, ao longo do mes do San Xoán haberá audicións de distintos instrumentos e un concerto didáctico na Biblioteca Rego da Balsa para achegar a música aos máis pequenos.
Ademais, a Banda Municipal terá un protagonismo especial durante as festas de San Xoán, xa que actuará o día 19, no pregón coral que ofrecerán as cantareiras das entidades carballesas, e tamén o 24, día do patrón, tanto na procesión coma no concerto posterior.
O curso entra na recta final, e para o mes de xuño tamén están previstos os primeiros trámites de cara ao ano lectivo 2025-26. Deste xeito, os días 10 e 11 realizaranse as probas de acceso a primeiro curso de grao profesional, o luns 16 haberá unha xornada de portas abertas para os alumnos e as alumnas que queiran incorporarse ao grao elemental, e as probas de acceso serán o martes 17.
