A web oficial do concello de Carballo

O Consello Escolar Municipal analizou o inicio do curso nos centros educativos carballeses, nos que estudan máis de 4.000 alumnos e alumnas

O Consello Escolar Municipal celebrou este martes a habitual xuntanza de principios de curso para analizar a situación nos centros do noso concello, e neste caso tamén para dar conta da renovación de cargos. Na presidencia, que lle corresponde á Alcaldía, figura agora Daniel Pérez; pero tamén se incorporou o novo inspector da Consellería de Educación, Santiago Sobrino, en representación da administración educativa.

Na sesión, que tivo lugar no CEIP Bergantiños, tamén participaron a concelleira de Educación, Mar Eirís, que é a vicepresidenta do Consello Escolar Municipal; Carolina Pacoret, pola CIG; María José Bértoa Aldao, de ANPE, e Margarita Garrido Mille, de CCOO; Sandra Mariño Villar, María Dolores Serrano Bolón e José Bustelo Tarrío, en representación das nais e os pais; Teresa Rodríguez Rama e Patricia Rodríguez Bardanca, directoras de centros de ensino, e Gustavo Álvarez Nogueira, no nome do movemento asociativo. Polo PP asistiu Beatriz Neira, e tamén o fixo, como oínte, Valentín Costa, do PSOE. En total, 15 persoas.

O inspector de Educación asegurou que este curso están cubertas a práctica totalidade das necesidades dos centros, e explicou que se optou polo desdobramento de cursos en varios colexios para mellorar a calidade do ensino e a atención á diversidade.

No noso concello están escolarizados 600 nenos e nenas no segundo ciclo de educación infantil, 1.560 en primaria, 1.200 en ESO e 374 en bacharelato. En total, 3.734 estudantes, sen contar os de FP. Precisamente, na xuntanza do Consello Escolar Municipal tamén se falou da posta en marcha de dous ciclos de FP Dual no Fórum Carballo, un de soldadura e outro de cociña, unha formación que sae por primeira vez das aulas dos institutos grazas á colaboración entre a Consellería de Educación e o Concello de Carballo.

O alcalde destacou esa cooperación interinstitucional coma unha fortaleza do noso concello, e manifestou o seu desexo de que se manteña no futuro para poder dar resposta do mellor xeito posible ás necesidades do ensino. Nese sentido, indicou que desde o Concello de Carballo seguirase apostando polo investimento en educación.