A web oficial do concello de Carballo

O Concello rematou a urbanización da parcela para a ampliación do centro de saúde, último paso para que a Xunta de Galicia poida acometer a obra

O Concello de Carballo comeza o ano cos deberes feitos no que se refire á ampliación do centro de saúde. A urbanización da parcela que acollerá o novo edificio xa está rematada, polo que a Xunta de Galicia xa pode acometer as obras de construción. O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Mobilidade, Luis Lamas e Juan Seoane, realizaron un percorrido pola nova vía perimetral.

A rúa é de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible e dispón de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións. O carril de circulación é de formigón e nas beirarrúas empregouse pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra complétase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos, aparcabicis) e a xardinería. O Concello de Carballo realizou un investimento de 243.759 euros nas obras de urbanización, que foron executadas pola empresa Gestal y López.

Con esta actuación materialízase o compromiso adquirido pola Administración local no protocolo de colaboración asinado coa Xunta de Galicia o 21 de decembro de 2022 e no convenio asinado polo alcalde, Daniel Pérez López, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o 18 de novembro de 2025, que pode consultarse máis abaixo. Ao Concello de Carballo correspondíalle a cesión á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio e das vías circundantes xa urbanizadas. A Administración autonómica, pola súa banda, ten que elaborar o proxecto, licitalo e acometer a construción do inmoble.