A web oficial do concello de Carballo

O Concello licita por 147.500 euros anuais os traballos de roza de espazos públicos para a prevención de incendios

O Concello de Carballo ten en licitación un novo contrato para a realización de traballos preventivos de roza en espazos urbanos e de uso público, destinados á prevención e defensa contra os incendios forestais. O prazo para a presentación de ofertas rematará o 15 de setembro.

O contrato conta cun orzamento base de licitación de 147.511,64 euros ao ano. A duración inicial será de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais. O obxecto é a realización de traballos de roza mecanizada e manual nos espazos urbanos municipais e de uso público de todo o termo municipal, cunha previsión de 1.500 horas de traballo efectivo con maquinaria e 350 horas de traballo manual.

As actuacións incluirán a roza, limpeza e retirada dos restos, tanto por medios mecánicos como manuais, co obxectivo de eliminar a biomasa existente e contribuír á prevención de incendios.

Entre as zonas nas que se poderá actuar figuran o paseo fluvial do Anllóns e as parcelas anexas, a contorna do cemiterio municipal, os aparcadoiros das praias, o circuíto de motor, a Ruta das Férvedas, as zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, as parcelas urbanas municipais, os campos da festa parroquiais e os baldíos en solo rústico, ademais doutros espazos de uso público nos que o Concello considere necesario intervir.

O prego establece que os traballos se executarán ao longo de todo o ano natural e, como mínimo, tres veces en cada unha das zonas previstas, e que a primeira actuación deberá realizarse antes do 31 de maio.