O Concello de Carballo foi un dos tres premiados, xunto con Vegalsa-Eroski e o investigador Ángel Carracedo, na gala organizada por Cogami na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, na que se deron cita preto de 800 persoas. Entre o público houbo representantes de concellos, deputacións e Xunta de Galicia, dos tecidos empresarial e social, do movemento asociativo e de iniciativas empresariais de economía social. O Concello de Carballo estivo representado polo alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros Luis Lamas, Miguel Vales e Ramón Varela.
Daniel Pérez recolleu de mans do vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo, o Prmeio Cogami á iniciativa institucional, que “recoñece o labor levado a cabo por unha entidade pública ou privada sen ánimo de lucro que teña destacado polo apoio á discapacidade ou por emprender accións que contribúen á plena inclusión e participación na sociedade das persoas con discapacidade en igualdade de condicións”.

Na súa intervención, o alcalde de Carballo expresou “a gran honra que supón para min estar hoxe aquí e compartir premio cunha empresa como Vegalsa-Eroski e un científico da talla de Ángel Carracedo, que, por certo, ten as súas raíces paternas en Carballo”. Daniel Pérez dedicoulle o galardón ao seu antecesor, Evencio Ferrero, e aos compañeiros e compañeiras do grupo municipal, cuxo traballo fixo posible o recoñecemento. Así mesmo, lembrou con orgullo que Carballo foi un concello pioneiro na contratación reservada a centros especiais de emprego, e louvou o traballo que están a desenvolver na limpeza viaria, o mantemento das zonas verdes, a limpeza de edificios ou a xestión das feiras e mercados. “A todas, moitas grazas por facer de Carballo un bo lugar para vivir”, dixo.
Daniel Pérez cualificou ese traballo como “un gran legado” e puxo en valor o traballo de todas as persoas que fan posible “que cada día esteamos un pouquiño máis preto de acadar a inclusión real. Ese debe ser o obxectivo, e seguro que co voso empeño e o noso compromiso, conseguirémolo”, rematou.
O Premio Cogami á iniciativa institucional súmase a outros recoñecementos que vén recibido o noso concello nos últimos anos polo traballo en favor da integración das persoas con diversidade funcional. O primeiro, no ano 2008, foi o premio á solidariedade da ONCE de Galicia. No ano 2020 a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego outorgou a Carballo un dos seus Premios Cegasal “pola súa aposta decidida pola economía social”. E no 2022 recibimos un novo recoñecemento de Cegasal, que nesta ocasión premiou a traxectoria persoal de Evencio Ferrero “e o seu apoio ás persoas que o teñen máis difícil para incorporarse ao mundo laboral”.
