A web oficial do concello de Carballo

O Concello de Carballo inviste 2 millóns de euros nas obras de aglomerado de cinco vías consideradas estruturais

O Concello de Carballo ten en marcha cinco importantes proxectos viarios que acadan os dous millóns de euros de investimento. O obxectivo das actuacións é seguir acondicionando as vías consideradas estruturais, ben polo intenso uso que teñen ou ben por unir parroquias, aumentando o ancho da calzada cando é posible e pavimentándoa en todos os casos con aglomerado en quente.

As Labradas-A Ponte de Bértoa

Esta semana comezaron os traballos de pavimentación na estrada que enlaza As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa. Ata alí achegáronse os concelleiros Miguel Vales e Juan Seoane. As obras, que teñen un orzamento de 207.666,23 euros, teñen como finalidade regularizar o trazado e mellorar a seguridade ao longo dos 2.050 metros de vía, que nalgúns puntos ampliouse para conseguir unha media de seis metros de ancho en todo o percorrido. En total pavimentarase unha superficie de 12.900 metros cadrados cunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros. Tamén están incluídas a drenaxe de pluviais e a sinalización horizontal e vertical.

O Moucho-A Piña

Nas próximas semanas realizarase tamén o aglomerado no resto das vías, nas que xa se levaron a cabo os traballos de limpeza e ancheamento nos puntos onde foi posible. Na estrada do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán), o investimento acada os 381.297,90 euros, e permitirá acondicionar a capa de rodaxe ao longo dos 3.900 metros de vía. A actuación terá carácter discontinuo debido a que parte do trazado discorre polo concello da Laracha. En total pavimentarase unha superficie de 21.097,50 m2. Tamén están incluídas no proxecto a drenaxe de pluviais e a sinalización.

Arnados-Sambade

Antes do verán tamén se rematará a vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), que ten un orzamento de 576.614 euros. A actuación será moi semellante ás anteriores, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.

Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procederá á drenaxe de pluviais e á sinalización horizontal e vertical. Ademais, está prevista a construción de dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados construirase unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros. Tanto en Arnados coma no Igrexario de Lema está previsto realizar a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.

O Pereiro Vello-Outón

A cuarta actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, agora tamén se vai aglomerar o treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797,88 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros.

A actuación desenvólvese ao longo de 3.330 metros de vía do mesmo xeito que as anteriores, con limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado nunha superficie de 22.725 metros cadrados. Na zona de cruce da vía cos ríos Calvos e Vilar de Cima está previsto un sobreancho de un metro por cada marxe. No lugar do Outón será preciso construír un muro de coieira de 35 metros de lonxitude e algo menos de 3 de alto.

Polígono de Bértoa-Avenida dos Abetos

A estas catro estradas sumarase a que enlaza a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de desconxestionar a estrada comarcal AC-552, na que se concentra moito tráfico sobre todo nos horarios de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial. Na primeira fase, que é a que está en execución, pendente tamén do aglomerado, acometerase o treito desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través dos cales crearase un itinerario alternativo.

A actuación ten un orzamento de 541.218 euros. Este primeiro treito da nova vía terá 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, con dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía. Para contribuír á seguridade das persoas usuarias da senda tamén está prevista no proxecto a instalación de alumeado. Ademais, ao longo deste itinerario mixto plantaranse 35 árbores para garantir espazos de sombra que faciliten o seu uso e contribúan á redución das emisións de CO2.

Nesta primeira fase tamén se inclúe o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, coa roza de 1.260 metros cadrados e a explanación de 105 metros lineais que se atopan na actualidade en saburra para acometer a posterior pavimentación.