Nas tres primeiras convocatorias foron aprobadas un total de 318 subvencións
O acceso á electricidade e outras fontes de enerxía é unha necesidade básica. O importe da factura eléctrica aumentou considerablemente nos últimos anos, o que pon a algúns fogares en risco de non poder acceder a un servizo fundamental. Co fin de que os veciños e veciñas poidan facer fronte ao pago das súas facturas de subministros e de evitar a existencia de pobreza enerxetica nos fogares do noso concello, a Concellaría de Servizos Sociais convoca por cuarto ano as axudas para o pago de subministracións enerxéticas. Nas tres convocatorias anteriores foron aprobadas un total de 318 subvencións.
Poderán ser beneficiarios/as destas axudas as persoas que cumpran os seguintes requisitos xerais:
- Persoas maiores de 18 anos ou menores emancipados/as
- Persoas empadroadas en Carballo como mínimo nos últimos 6 meses anteriores á convocatoria da axuda.
Ademais destes dous requisitos deben cumprir polo menos un dos seguintes:
- Ser beneficiarias do Bono Social de Electricidade das diferentes comercializadoras de electricidade, como mínimo nos 3 últimos meses anteriores á convocatoria da axuda.
- Recibir como mínimo 6 meses de osixenoterapia domiciliaria anteriores á data da publicaicón da convocatoria da axuda.
- Recibir polo menos 6 meses de diálese peritoneal domiciliaria anteriores á data da publicación da convocatoria da axuda.
O Concello de Carballo destina a esta liña de axudas unha contía de 25.0000 euros. As persoas beneficiarias recibirán 200 euros, nun pago único.
O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia a través da BDNS, polo que se abre o xoves 30 de maio.
As bases, os impresos de solicitude e o acceso á tramitación electrónica, máis abaixo.