O Concello de Carballo expresou hoxe o seu apoio á reivindicación impulsada por profesionais que se desprazan diariamente desde Bergantiños ata a zona hospitalaria da Coruña para reclamar unha conexión directa de transporte público adaptada ás súas quendas de traballo.
A iniciativa conta xa con 258 sinaturas, todas elas de persoas directamente afectadas pola problemática, que esta mañá se concentraron na Praza do Concello para visibilizar unha demanda que, segundo explican, se remonta cando menos ao ano 2023.
O alcalde, Daniel Pérez, e varios concelleiros e concelleiras acompañaron o colectivo durante a concentración. Posteriormente, dúas das súas portavoces mantiveron unha reunión co alcalde e co concelleiro Ramón Varela, na que expuxeron polo miúdo as dificultades que atopan a diario e presentaron a solicitude de apoio institucional.
O goberno municipal trasladoulles o seu respaldo e a súa disposición a colaborar para que a demanda chegue ás administracións competentes. O alcalde destacou que a reivindicación “é razoable e pon enriba da mesa un problema real que afecta cada día a centos de persoas da nosa comarca”.
“Non estamos falando de crear un servizo por comodidade, senón de facer que o transporte público sexa unha alternativa real ao coche particular. Se unha persoa non pode chegar ao seu posto de traballo á hora ou regresar á casa cando remata a quenda, ese transporte non lle resolve a necesidade”, sinalou Daniel Pérez.
O alcalde lembrou, ademais, que esta demanda coincide coa posición que o Concello de Carballo vén mantendo sobre a necesidade de mellorar as conexións de transporte público con A Coruña e adaptar os servizos ás necesidades reais da cidadanía. “Carballo e Bergantiños precisan un transporte público competitivo, útil e pensado tamén para os desprazamentos laborais. Desde o Concello imos apoiar esta iniciativa e contribuír, dentro das nosas posibilidades, a que se estude unha solución”, engadiu.

Ata tres horas diarias en transporte público
No documento presentado, as promotoras explican que a existencia de autobuses entre Carballo e A Coruña non resolve o problema dos profesionais do CHUAC, porque non existe unha conexión directa coa zona hospitalaria e os horarios non están coordinados coas quendas ordinarias de mañá, tarde e noite, que comezan ás 08.00, 15.00 e 22.00 horas.
A alternativa actual obriga a combinar o transporte interurbano co urbano, con tempos de espera, desprazamentos entre paradas e transbordos. Segundo os cálculos recollidos no escrito, o percorrido pode achegarse a hora e media por sentido, polo que unha persoa podería dedicar arredor de tres horas diarias exclusivamente a ir e volver do traballo.
As persoas afectadas sinalan tamén o custo que supón depender diariamente do vehículo particular, tanto en combustible e mantemento como nas peaxes da AG-55, así como os efectos sobre a seguridade viaria, as emisións, a conciliación familiar e a saturación do aparcamento na contorna hospitalaria.
A situación presenta dificultades engadidas para as persoas con mobilidade reducida ou outras limitacións, debido aos transbordos e aos percorridos a pé necesarios para completar o traxecto.
Un servizo piloto adaptado ás quendas
A petición asinada polas promotoras propón que os concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Ponteceso, Vimianzo, Malpica de Bergantiños e A Laracha manifesten conxuntamente o seu apoio institucional á iniciativa.
Entre as medidas formuladas figura solicitar unha reunión coa Xunta de Galicia, a dirección do CHUAC e as empresas concesionarias de transporte, realizar un estudo da demanda existente e analizar a implantación dun servizo piloto entre Bergantiños e o CHUAC, inicialmente adaptado ás quendas de mañá e tarde e coa posibilidade de amplialo posteriormente á quenda nocturna.
Tamén propoñen estudar unha ruta que facilite que persoas residentes noutros municipios da comarca poidan acceder á conexión directa desde Carballo.
A reivindicación cobra especial importancia, segundo o colectivo, ante a futura posta en funcionamento da nova estación intermodal da Coruña, xa que os cambios na rede de transporte poderían incrementar os tempos e transbordos necesarios para chegar desde Bergantiños ata a zona hospitalaria.
O Concello comprometeuse a dar traslado e apoiar institucionalmente a reivindicación, así como a favorecer a coordinación necesaria para que as administracións con competencias en transporte estuden a viabilidade dunha solución.
“Hai 258 persoas que están dicindo que teñen un problema concreto para chegar cada día ao seu posto de traballo. O que corresponde ás administracións é escoitalas, sentarnos arredor dunha mesa e estudar unha solución viable. O Concello de Carballo vai estar ao seu lado nesa reivindicación”, concluíu Daniel Pérez.