Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Arquivos, o arquivo municipal abriu as súas portas á cidadanía. Durante toda a mañá recibiu visitas organizadas, como a que realizou un grupo de alumnos e alumnas do colexio Artai; tamén libres, como as que fixeron varios veciños e veciñas de xeito individual ou en pequenos grupos, ou institucionais, como a que levaron a cabo o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret. Nada máis abrir, xa agardaban á porta os primeiros visitantes, unha nai e un neno de cinco anos cunha curiosidade insaciable que bombardeou con todo tipo de preguntas ao arquiveiro municipal, Xosé Antonio Esmorís Gómez.
Pero non tes que agardar ao próximo 9 de xuño se queres coñecer o noso arquivo. Podes visitalo en calquera momento do ano, previa solicitude de cita no 981 704 100, como fan con certa frecuencia persoas que buscan rastros dos seus antepasados, investigadores/as ou estudantes. O arquivo é un recurso moi importante tamén para o propio persoal municipal, pois alberga expedientes, proxectos, actas e todo tipo de documentos desde a constitución do Concello de Carballo.

Precisamente, esa acta de constitución, que data de 1813, é o documento máis antigo e reflicte unha realidade moi diferente á actual, a dun concello formado por 15 parroquias, entre elas varias que pertencen agora a Coristanco ou A Laracha. Tras a recente reforma do espazo, esa xoia da nosa historia está á vista, debidamente protexida nun expositor con vitrina, xunto coa acta de 1820 na que xa se sitúa a casa do concello en Sísamo, a de 1836 pola que se traslada a Carballo, ou o proxecto da casa do concello que deseñou Julio Galán e que foi derrubada hai medio século.
No arquivo municipal de Carballo tamén se conservan obxectos procedentes dos legados de Alfredo Brañas ou Carlos O Xestal, e un total de 1.556 fotografías, o gran álbum de Carballo na memoria que queremos ir facendo aínda máis grande coas achegas veciñais, e por iso estamos a percorrer as diferentes parroquias para seguir recuperando ese patrimonio fotográfico. A próxima cita será o sábado 21, a partir das 11.00 horas, no centro social de Ramil de Rus.