O alumnado do Obradoiro Lubiáns comezou a instalación do mobiliario solicitado polas entidades de Bértoa para o centro social da parroquia, que agora poderá contar cunha pequena biblioteca e equipamento para a zona de almacén e cociña. A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, responsable dos centros sociais, achegouse para ver o resultado.
O proxecto, impulsado polos concellos de Carballo e Coristanco, ten como obxectivo a formación de 15 alumnos/as traballadores/as na especialidade de carpintería de madeira. O mobiliario que veñen de fabricar e instalar no centro social de Bértoa forma parte da formación práctica que teñen que levar a cabo, e que tamén inclúe a dotación e/ou renovación do mobiliario dos centros sociais de Entrecruces e Verdillo, así coma a construción dunha pérgola para o exterior da escola unitaria de Artes. No concello de Coristanco está prevista a dotación de mobiliario nos centros sociais de Erbecedo e Oca, e de equipamento exterior no Museo da Pataca e no CPI Xosé Pichel.
O Obradoiro Lubiáns, do que forman parte 8 mulleres e 7 homes, é un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros. Arrincou en decembro do 2024 e terá unha duración de nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes teñen un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que perciben o salario correspondente.