O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, recibiu este martes o equipo do IES Alfredo Brañas que participa no Club de Debate Alingua 2026, e que vén de acadar o terceiro posto na segunda xornada clasificatoria.
Durante o encontro, o rexedor felicitou aos rapaces e rapazas polo seu traballo, ademais de destacar o esforzo, a capacidade de argumentación e o compromiso coa lingua galega que demostraron ao longo da competición.
O Club de Debate Alingua reúne nesta edición 37 equipos de alumnado de secundaria e bacharelato procedentes de 13 concellos, que participan nas fases previas do certame entre o 2 e o 6 de marzo co obxectivo de conseguir unha das prazas para a final, que se celebrará o 25 de abril.
Unha iniciativa da Asociación Alingua
O Club de Debate Alingua é unha iniciativa da Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua) que busca fomentar o uso oral do galego entre a mocidade e crear espazos de socialización na lingua propia. Nesta edición conta co apoio dos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.

Na fase previa deste ano, os equipos debaten arredor da afirmación “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”, e defenden tanto a posición a favor como en contra ante un xurado formado por profesionais de distintos ámbitos.
Arredor de medio milleiro de persoas —entre alumnado, profesorado, xurado e equipo técnico— participan nas xornadas de debate, que comezaron no Pazo da Cultura de Narón e continúan no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Rois.