A web oficial do concello de Carballo

O alumnado do curso de xestión de chamadas de teleasistencia que participa no proxecto piloto de atención telefónica atendeu a 68 persoas en dez días

Nos dez primeiros días de funcionamento da campaña informativa Cada chamada conta, cada persoa importa, promovida polas entidades sociaisAfaber, Apem e Aspaber coa colaboración do Concello de Carballo, foron atendidas 68 persoas: 46 mulleres e 22 homes.

As alumnas do curso de Xestión de chamadas de teleasistencia, que estamos a impartir no Fórum dentro do plan de formación para o emprego 2024-25, realizaron 38 chamadas, dirixidas a usuarios e usuarias das tres entidades participantes e a outras dúas persoas do noso concello que solicitaron de maneira expresa un seguimento telefónico regular, con dúas ou tres chamadas semanais, co obxectivo de recibir apoio emocional.

Polo que se refire ás chamadas entrantes, axustáronse á finalidade da campaña, que non é outra que ofrecer información sobre os recursos que teñen á súa disposición as persoas maiores, con diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero ou coidadoras. En todos os casos, as persoas que utilizaron os teléfonos dispoñibles amosaron interese en coñecer os detalles do proxecto, ben en beneficio propio ou de familiares en situación de dependencia. Tres desas chamadas procedían doutros concellos, o que evidencia a relevancia e o alcance da iniciativa.

O proxecto piloto continúa desenvolvéndose ata o 12 de setembro, de luns a venres, de 10.00 a 18.00 horas. Lembrámosche os teléfonos aos que podes chamar: 604 046 201 – 604 050 235 – 698 198 887 698 193 733 – 698 197 148.

Os principais obxectivos da campaña son achegar o servizo de teleasistencia á veciñanza, explicando en que consiste e como pode mellorar a calidade de vida de moitas persoas, fomentar o coñecemento e uso de recursos sociais accesibles para persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecer unha experiencia práctica de valor para o alumnado do certificado de profesionalidade, reforzando a súa formación a través do contacto directo coa cidadanía.

A quen vai dirixida a iniciativa?

Esta campaña está especialmente pensada para informar, orientar e acompañar a diversos colectivos do municipio de Carballo que poden beneficiarse da teleasistencia:

Persoas maiores

  • Que viven soas ou pasan moito tempo sen compañía.
  • Con enfermidades crónicas.
  • Que valoran unha chamada amiga ou un recurso do que botar man en caso de necesidade.

Persoas con diversidade funcional

  • Que poden precisar atención ou acompañamento telefónico en situacións puntuais ou recorrentes.
  • Que buscan manter a súa independencia cun apoio discreto e eficaz.

Mulleres vítimas de violencia de xénero

  • Que estean en situación de risco ou con medidas de protección.
  • Que precisen un recurso de contacto seguro, discreto e inmediato.
  • Que queiran coñecer como funciona a teleasistencia específica para vítimas, cos seus dispositivos adaptados e atención especializada.

Persoas coidadoras e familiares

  • Que coidan de persoas maiores, dependentes ou con enfermidades crónicas.
  • Que queren contar cun apoio adicional que garanta seguridade e resposta rápida.
  • Que buscan tranquilidade ante posibles emerxencias cando non poden estar presentes.

Con este proxecto piloto pretendemos que as alumnas poñan en práctica as competencias profesionais adquiridas, que desenvolvan habilidades reais en comunicación telefónica, escoita activa, empatía, resolución e conflitos e rexistro de información, e que participen activamente na sensibilización da comunidade sobre a importancia do coidado, a atención e a escoita. Estarán supervisadas en todo momento por persoal técnico cualificado, para garantir unha atención profesional e segura.

A veciñanza, pola súa banda, poderá coñecer un recurso útil que pode marcar a diferenza no día a día de moitas persoas, terá acceso directo e personalizado a información de interese social e implicarase na creación dunha rede comunitaria.