O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este xoves un convenio de colaboración para acometer as obras de urbanización da avenida de Fisterra. A actuación ten un orzamento de 2 millóns de euros, que serán financiados nun 70% pola Xunta e nun 30% polo Concello, que tamén se encarga da redacción do proxecto e asumirá a titularidade da vía, que nestes momentos é autonómica.
O presidente da Xunta de Galicia achegouse ata Carballo para asinar o convenio, que inclúe a adecuación integral do treito comprendido entre los quilómetros 31+930 e 32+640. O acto levouse a cabo á beira da avenida de Fisterra, tras un breve percorrido a pé desde o Parque do Anllóns, no que está en execución outra actuación na que colaboran as administracións local e autonómica coa finalidade de reducir o risco de inundacións nas beiras do río Anllóns. Tanto Daniel Pérez coma Alfonso Rueda destacaron, precisamente, esa colaboración institucional como un modelo a seguir.
Nese sentido, o presidente da Xunta anunciou que a ampliación do polígono industrial de Bértoa será unha realidade no ano 2028, e comprometeuse a “intentar” que a execución da variante de Carballo se realice de xeito simultáneo, como lle pediu o alcalde. Para Daniel Pérez, estes dous proxectos son estratéxicos e deben acometerse ao mesmo tempo. O Consello da Xunta aprobou esta mesma semana a ampliación do parque empresarial de Bértoa, co comezo da tramitación do proxecto de desenvolvemento urbanístico (PDU).
Avenida de Fisterra
O convenio asinado hoxe inclúe a reurbanización integral dun treito duns 700 metros de lonxitude da avenida de Fisterra, que constitúe unha das principais vías de entrada e saída da vila, actuando como conexión directa entre o centro urbano e áreas residenciais, dotacionais e comerciais situadas no seu contorno leste.

O ámbito da actuación presenta actualmente unha configuración viaria caracterizada pola prioridade do tráfico rodado, unha sección transversal irregular, beirarrúas estreitas ou inexistentes en varios tramos, e numerosas interferencias e accesos directos desde edificacións e locais comerciais. A inexistencia de percorridos peonís continuos, a carencia de espazos de estancia e sombra, a iluminación insuficiente e o estado deficiente de conservación contribúen a xerar un entorno urbano degradado, pouco funcional e pouco amable para os desprazamentos a pé ou en bicicleta.
A actuación prevista responde á necesidade de transformar este espazo nun verdadeiro eixo urbano estruturador, que facilite a mobilidade segura e accesible, favoreza a calidade do espazo público e fomente a cohesión entre barrios e a actividade comercial de proximidade. Para iso, prevese unha intervención integral que inclúa a renovación das redes de servizos (abastecemento, saneamento, pluviais, iluminación pública, telecomunicacións), a reconfiguración da sección viaria, a ordenación do aparcamento, a mellora das interseccións, a incorporación de zonas verdes e de mobiliario urbano, e a integración de solucións que favorezan a drenaxe e o confort térmico.
A relevancia desta actuación enmárcase no obxectivo municipal de reestruturar e humanizar os principais accesos ao centro urbano, promovendo un modelo de mobilidade sustentable e un espazo público de calidade. A obra prevista suporá unha mellora substancial na funcionalidade, seguridade e imaxe deste ámbito, respondendo ás demandas actuais da veciñanza e do tecido económico local, e reforzando a conectividade urbana con criterios de integración paisaxística e eficiencia nas infraestruturas.





