Novembro con Música regresa este ano cunha programación que reúne música, tradición, teatro, cinema documental e artes plásticas. Como xa é habitual, mantense o protagonismo das entidades locais que cada ano colaboran con este ciclo cultural. Así, contaremos cos tradicionais concertos das agrupacións corais do municipio e cun aniversario moi especial: os 50 anos da Asociación Cultural Lumieira. Un mes para explorar diversos estilos que, ademais da música coral, inclúen o tradi ou a música clásica.
Ademais, continuamos coa senda aberta no Día das Letras de 2025, xa que no mes de maio dese ano tivo lugar a primeira edición das xornadas Vivan as do meu lugar, que agora teñen continuidade cunha nova cita. O programa complétase con tres propostas de cinema documental, unha función escolar de teatro, un magosto e unha exposición de arte contemporánea. As actividades son todas de balde e desenvolveranse ao longo do mes de novembro no Pazo da Cultura.
O 14 de novembro celebraranse as II Xornadas Vivan as do meu lugar iniciadas no ano 2025 co obxectivo de promover e difundir o patrimonio tradicional, musical e oral de Carballo e Bergantiños e creando unha cita que permita o intercambio entre as diversas asociacións de Carballo. Esta segunda edición leva o título de “Vestir a memoria”, un encontro arredor do vestiario tradicional galego, achegándonos a súa historia, os seus usos e a súa importancia dentro do patrimonio cultural. Terán lugar no Pazo da Cultura de 11.00 a 13.00 e de 16.30 a 20.00 horas e inclúen diversas actividades entre as que atopamos charlas, obradoiros, unha mesa redonda, o espectáculo para público familiar “Cóntoche un traxe” a cargo de Montse Rivera a partir das 13.00 horas; e tamén un desfile de vestiario tradicional antigo a partir das 20.00 horas.
Un día antes, o venres 13 de novembro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acolle Cantares Atlánticos, un espectáculo que combina o recital de cámara coa vídeo arte, protagonizado pola soprano Soledad Vidal e o pianista Aurelio Viribay. O concerto, patrocinado pola Concellaría de Igualdade con motivo do 25 de Novembro, Día contra a Violencia de Xénero, convértese nunha poderosa homenaxe á loita, á resiliencia e á dignidade das mulleres galegas fronte ás diversas formas de violencia e opresión machista ao longo da historia. Unha mensaxe fundamental para este 25N: recoñecer a dor do pasado para reparar, sanar e avanzar cara a un futuro libre de violencias machistas.
Respecto a Soledad Vidal e Aurelio Viribay, o dúo ten cunha ampla traxectoria na interpretación de cancións de cámara en lingua galega. Propoñen un percorrido por un repertorio que parte exclusivamente da poesía de Galicia, desde as cantigas medievais ata composicións contemporáneas de autores fascinados polo potencial poético e musical da lingua. O concerto incorpora tamén unha creación audiovisual que ilustra as melodías e dialoga con elas, enriquecendo a experiencia musical.
Participación do movemento asociativo
Como é tradición, Novembro con Música volve contar coa participación das agrupacións corais de Carballo, que aproveitan a programación para celebrar datas sinaladas e compartir escenario con outras formacións. Pero este ano, ademais, a Asociación Cultural Lumieira conmemora o seu 50 aniversario cun concerto de Ailá, o venres 6 de novembro, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura. A cita inclúe tamén unha lembranza a Xosé Manuel Eirís, coincidindo co 30 aniversario do seu pasamento. Ailá naceu en Santiago de Compostela ao abeiro das foliadas da Casa das Crechas e combina a tradición oral galega cunha sonoridade actual. A formación, recoñecida co Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional, está integrada por Ángela Carou, Xan Pampín, Manuela Fraguela e Miguel Barbazán. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade do recinto. Organiza Lumieira, co patrocinio da Fundación Luis Calvo Sanz e a colaboración do Concello de Carballo.
Ao día seguinte, o sábado 7 de novembro, ás 20.00 horas, o auditorio do Pazo da Cultura será o escenario da celebración do 41 aniversario do Coro Aires de Bergantiños. A agrupación estará acompañada pola Rondalla de Cedeira e polo Coro Aimil de Xinzo de Limia. O concerto está organizado polo propio coro, coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo.
Por último, a música coral terá unha nova cita o sábado 28 de novembro, ás 20.00 horas, co 53º Festival de Santa Cecilia, organizado pola Coral de Bergantiños. Participarán a Coral Alecrín de Brión de Ferrol, a Coral Casa do Mar da Coruña, e a propia Coral de Bergantiños. O festival conta coa colaboración do Concello de Carballo e do Centro Social San Xoán Bautista.
Cinema documental
En Carballo o cinema adoita formar parte da programación cultural, así que tamén estará presente en Novembro con Música. Así, dedicaremos os xoves de novembro ao cinema documental con obras que abordan a creación artística, a memoria colectiva e a historia recente, e que se proxectarán no Pazo da Cultura.
A primeira cita é o xoves 12 de novembro, ás 20.00 horas, coa proxección de Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade, un documental de 50 minutos dirixido e escrito por María Ojea González. A peza percorre a traxectoria da fotógrafa e retratista, que comezou a súa carreira aos 15 anos e explorou distintas técnicas, desde o retrato en branco e negro ata a fotografía dixital, ademais da pintura, as fotopinturas e as colaxes. O documental tamén aborda a evolución social ao longo da súa vida e a recuperación do seu arquivo, composto por máis de 700.000 imaxes.
O xoves 19 de novembro, tamén ás 20.00 horas, será a quenda de Crónicas dun non!, unha longametraxe documental de 70 minutos dirixida por Fernando Rodríguez Gómez, coñecido como Peñaño. A obra reconstrúe a historia da insumisión e da obxección de conciencia en Galicia durante a década de 1990, a través da experiencia do propio director e dos testemuños doutras persoas que participaron naquela mobilización colectiva, que contribuíu ao fin do servizo militar obrigatorio.
A última sesión será o xoves 26 de novembro, ás 20.00 horas, con L’Archéologue, unha curtametraxe documental de 30 minutos dirixida por Antón Taboada. A obra forma parte do proxecto Cru: memoria coruñesa sobre o Mar Exeo, desenvolvido por Zona Hadal, e parte do afundimento do petroleiro Aegean Sea fronte á Torre de Hércules, en decembro de 1992. O protagonista é o escultor francés Emile Gireau, que recupera fragmentos do pecio para transformalos en obras de arte, nunha reflexión sobre a memoria, a catástrofe marítima e a relación entre arte e arqueoloxía. As tres proxeccións están organizadas pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.
Un magosto en Lema, teatro e arte contemporánea no Pazo da Cultura
Novembro con música complétase con máis actividades paralelas. O Pazo da Cultura acolle, entre o 18 de novembro e o 8 de decembro, a exposición do XIX Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, no andar -1. A mostra reúne obras seleccionadas nesta convocatoria da Deputación da Coruña, orientada a apoiar a creación artística e dar visibilidade á produción plástica contemporánea. A obra gañadora desta edición é Intervalo 2024, de Ana Isabel Gesto Beiroa. A exposición está organizada pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.
No que respecta ao teatro, a programación inclúe tamén a función escolar de Sophie non é o meu nome de guerra, de Redrum Teatro, o martes 17 de novembro ás 10.30 horas con motivo do 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero.A obra está inspirada en feitos reais e segue a viaxe dunha migrante desde Yaoundé, en Camerún, ata A Coruña. Entre outras cousas, aborda a trata de mulleres con fins de explotación sexual. A función está organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Carballo.
Por último, a Asociación Cultural Ría de Lema organiza o sábado 7 de novembro, ás 18.00 horas, o Magosto en Lema, que contará coa actuación do coñecido actor e humorista galego Avelino González co espectáculo Contos que foron chistes. A actividade conta coa colaboración do Concello de Carballo. Para obter información sobre as entradas, pódese chamar aos teléfonos 627 074 712 e 981 752 299.
