A web oficial do concello de Carballo

Novembro con música volve con jazz, folk, pop, rock ou sons clásicos para encher de notas o outono

O programa Novembro con Música regresa un ano máis para encher de notas musicais o outono de Carballo. Entre o venres 14 e o venres 28 de novembro, o público poderá desfrutar con oito actuacións que ofrecen calidade e diversidade, ademais de citas co teatro amador carballés. As propostas van desde o jazz á musica clásica, pasando polo folk, o pop-rock ou a música coral, con nomes ben coñecidos do ámbito galego, pero tamén con espazo para as agrupacións musicais do municipio. O obxectivo é que estean presentes diferentes formas e estilos, tanto de grupos profesionais como afeccionados para achegar espectáculos interesantes para todo tipo de audiencias. Ademais, tampouco hai que esquecer as actividades complementarias, que inclúen unha ruta guiada, cinema documental, un magosto ou arte e fotografía. Todas as citas son de entrada libre ata completar a capacidade dos recintos.

Comezamos con música clásica o venres 14 de novembro. O Pazo da Cultura acolle ás 21.00 horas o concerto Xoán Montes ao piano. Este evento forma parte dun ciclo de concertos homenaxe que xorde coa idea de divulgar a creación musical deste compositor galego do Rexurdimento, nomeadamente na súa faciana como pianista. A súa produción para este instrumento é a parte máis descoñecida do seu catálogo e representa unha parte esencial do patrimonio cultural galego no eido musical. Os intérpretes son Javier Ares Espiño, Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto, os tres con sólidas traxectorias artísticas e consolidados como referentes na recuperación e posta en valor da música galega dos séculos XIX, XX e XXI. A cita está organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa colaboración da Concellaría de Cultura de Carballo.

Xa o xoves 20 de novembro o programa viaxa ao ámbito da música folk da man de IALMA. Aínda que residen en Bruxelas, Verónica, Natalia, Marisol e Eva, as compoñentes do grupo, manteñen unha conexión permanente coa súa terra natal, Galicia. Durante 25 anos, a cultura musical e as tradicións galegas foron as súas  inesgotables fontes de inspiración, que lles permitiron construír, pouco a pouco, un repertorio de cancións tomadas das súas raíces pero adaptadas á vida de mulleres modernas, en contacto con múltiples culturas, linguas e estéticas musicais.  O seu 25° aniversario – que coincide co 50° aniversario do fin da ditadura franquista, que obrigou á súa familia a fuxir de Galicia para refuxiarse en Bélxica – é unha ocasión para que IALMA ofreza unha HOMENAXE a todas as mulleres e homes que, en calquera lugar do planeta, tiveron que desarraigar a súa vida para escapar da ditadura. O concerto é ás 20.30 horas no Pazo da Cultura e está organizado coa colaboración da Deputación da Coruña.

Esa mesma semana, pero o venres 21, Novembro con Música cambia de rexistro para somerxerse no jazz de Sumrrá. A agrupación está formada polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería Lar Legido. Recoñecidos coma o trío galego mais internacional e galardoados co Premio Jazz España 2022, Sumrrá celebra en 2025 o seu 25º Aniversario, consolidándose coma o máis lonxevo da escena española. Un cuarto de século actuando como embaixadores do jazz galego máis contemporáneo ao seu paso por festivais de recoñecido prestixio internacional. Centos de concertos, sete discos publicados e 25 anos de carreira que fan de Sumrrá un grupo de culto, avalado pola crítica internacional e considerado case coma lendario entre os amantes do jazz contemporáneo. A cita é ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e está organizada coa colaboración da Deputación da Coruña.

A última fin de semana de novembro acolle o peche do programa o venres 28 con Uxía, que presenta Uxía, será por flores. A coñecida cantante galega celebra catro décadas de carreira cun espectáculo único e intimista, onde re visita os piares do seu percorrido musical e continúa explorando novas formas con liberdade creativa. O concerto é unha viaxe polas súas raíces galegas, composicións propias e músicas que a inspiraron. A súa diversidade reflicte os innumerables camiños que percorreu, sempre en constante evolución e transformación. A cita é ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e está organizada coa colaboración da Deputación da Coruña.

Agrupacións musicais de Carballo

Ademais das actuacións de artistas convidados desde fóra do municipio, Novembro con Música conta coa colaboración das agrupacións musicais e culturais de Carballo, que sempre forman parte desta programación. Así, o venres 14 de novembro ás 22.00 horas o Local Social de Cances acolle a XIX edición do festival Live in Cances, unha cita obrigada co pop-rock local e que desta volta contará cos grupos The Cerne, 12Labirinto e Plástico Rock. A cita está organizada pola Asociación Cultural San Campio.

De Carballo chegan tamén dúas citas coa música coral. A primeira o sábado 15 de novembro coa celebración do XL aniversario do Coro Aires de Bergantiños. Fundado en 1985 por Carlos Díaz O’Xestal, o seu obxectivo é recoller, ampliar e difundir o folclore tradicional da comarca de Bergantiños. Este ano convidan ao Coro Cántigas de Terra de A Coruña para festexar unha efemérides tan especial como a do seu 40 aniversario. A cita terá lugar a partir das 20.30 horas no Pazo da Cultura e está organizada polo propio Coro Aires de Bergantiños.

Xa o sábado 22 de novembro terá lugar o Festival de Santa Cecilia que cada ano organiza a Coral Polifónica de Bergantiños. Unha entidade carballesa fundada en 1969 e que conta desde hai máis de 30 anos coa dirección musical de Gloria de los Ángeles Pardines. A agrupación convida a cantar con eles neste festival á Coral Polifónica Follas Novas de A Coruña, á Coral Polifónica de Meis e á Coral Polifónica Costa da Morte de Cee. A cita está prevista para ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.

Novembro con Música ofrece así mesmo unha cita formativa, neste caso o domingo 23 de novembro coa celebración dunha Masterclass de Técnica vocal no Pazo da Cultura impartida por Tania Caamaño. Esta cita enmárcase dentro dentro do feixe de actividades que se levan desenvolvendo ao longo de 2025 para promover e render homenaxe á musica de tradición oral. A actividade está dirixida ás agrupacións musicais de Carballo e está prevista para as 11.30 horas.

Como en cada edición, o programa ten espazo para o Conservatorio Profesional de Música (CMUS) de Carballo, que desta volta ofrece un concerto da súa Big Band o martes 25 de novembro ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. Formada por alumnos do Conservatorio e creada en 1993, interpretará temas do seu repertorio con aires de jazz.

Teatro

En Novembro con Música tamén hai oco para o teatro, neste caso con Vagalume en ruta. A Asociación Cultural Coro Vagalume ofrecerá catro funcións de teatro amador en diferentes parroquias do municipio coa colaboración da AC San Campio de Cances, a AV Santa María de Ardaña, a Asociación Ría de Lema e a Asociación San Xens de Entrecruces.

  • O sábado 15 de novembro o Local Social de Cances acolle ás 19.30 horas a representación de Operación Barranco.
  • Operación barranco volve o domingo 16 de novembro, esta vez ao Local Social de Ardaña ás 19.00 horas.
  • O sábado 22 de novembro será a quenda para o Local Social de Lema con función ás 19.30 horas.
  • E o domingo 23 de novembro o Local Social de Entrecruces desfrutará tamén de Operación Barranco ás 18.00 horas.

Actividades complementarias

Ademais das citas estritamente musicais, o programa conta con actividades complementarias nas que atopamos unha ruta guiada, cinema documental, un magosto e dúas exposicións. A primeira das propostas terá lugar o mércores 12 de novembro a partir das 19.30 horas. Carballo lembra ao escritor e xornalista Cándido Alfonso Gonzalez Tiradas, que naceu na vila o 13 de novembro de 1905. Coincidindo co 120º aniversario desta data haberá unha ruta guiada que levará ás persoas participantes desde a casa na que naceu, na rúa do Muíño 9, ata a rúa que leva o seu nome, na zona de Pedra Furada. O historiador Hadrián García meterase na pel do autor para desvelarnos os aspectos máis representativos do personaxe, e guiará un paseo urbano apto para todos os públicos. Ao remate será inaugurado un panel informativo cos principais datos biográficos do escritor, realizarase unha ofrenda floral e a Aula de Teatro Municipal representará un pequeno fragmento da súa obra máis coñecida. Xa o sábado 15 de novembro o barrio da Milagrosa celebrará un magosto a partir das 18.00 horas. Será na Escola de Arrabales e está organizada pola ACD A Milagrosa.

O cinema estará presente coa estrea do documental dirixido por Xan Leira Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración. O acto de presentación terá lugar o xoves 27 de novembro en homenaxe ao 75 aniversario da creación do histórico programa de radio dirixido polo xornalista carballés Toni de Seárez. “Sempre en Galicia” é un emblema da cultura galega promovida desde o exilio galeguista e republicano do Río da Prata que, desde 1950, ergueuse como unha ponte cultural radiofónica entre a diáspora americana e Galicia. Conmemorar o seu 75 aniversario é unha ocasión inmellorable para celebrar o legado deste programa e recoñecer a súa importancia na historia da cultura galega. Ao rematar a proxección haberá un coloquio a cargo do director Xan Leira e de Manuel Suárez. A cita será a partir das 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.

Para rematar coas actividades complementarias, hai que lembrar que o andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición Zoom FIOT, un proxecto fotográfico sobre o Festival Internacional Outono de Teatro que se realiza desde hai 10 anos e que ofrece unha visión íntima e persoal do evento. Unha ollada privilexiada ao corazón dos espectáculos enmarcados na anterior edición do FIOT. Os fotógrafos participantes nesta exposición son: Cris Becerra, Raúl Lorenzo, Marcos Rodríguez, Esther Chamoso, Daría García, Fernando Lema e Fabiola Lorenzo. Poderá visitarse até o 30 de novembro de luns a sábado de 16.00 a 21.00 horas.

Ademais, o Pazo da Cultura tamén acolle a instalación artística de Noelia Paz titulada Xesto. Nela, a artista recolle o lema do FIOT “Raíz viva, memoria colectiva”. Para ela, as raíces son unha serie de nutrientes que conforman a nosa identidade colectiva e que xeran un efecto distinto en cada persoa. Un impulso que acaba derivando en xestos individuais. Tamén está no andar -1, a carón do auditorio.