A web oficial do concello de Carballo

No 2025 recolléronse 15.635 quilos de aceite, 1.237 máis que o ano anterior, nos 34 contedores específicos que temos distribuídos polo concello

Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual supera os 1.000 quilos. No 2025, segundo os datos que vén de facilitar o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores específicos un total de 15.635 quilos de aceite (1.237 máis que no 2024), o que permitiu evitar a contaminación de 17.198.500 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 46.90 toneladas.

Nestes momentos hai 34 puntos de recollida en distintos barrios urbanos e en varias parroquias. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do mercado municipal, pero cada vez teñen máis uso tamén os situados na parroquias. De feito, no situado na Feira de Verdillo (Artes) recolléronse 675 quilos.

Unha das vantaxes do sistema de recollida é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito nas botellas, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na casa do concello (departamento de Medio Ambiente).