A web oficial do concello de Carballo

Música, teatro, improvisación e moito humor en “Territorio Regueifa”: estrea o venres 6 de febreiro

Territorio Regueifa chega ao Pazo da Cultura o venres 6 de febreiro da man do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), despois de que o espectáculo tivera que adiarse pola baixa dun dos seus protagonistas. O festival, o Centro Dramático Galego e Ainé coproducen unha inédita e ambiciosa proposta escénica que pon en valor este xénero artístico. Para presentar esta peza teatral estiveron no Pazo da Cultura o director do espectáculo, José L. Prieto, e os intérpretes Manolo Maseda, Lupe Blanco y Josinho da Teixeira, que estiveron acompañados polo director do FIOT, Alberto Sueiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez; e polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

Todos abondaron na idea de que a regueifa ten evolucionado moito nos últimos anos, converténdose nunha expresión máis actual, vinculada á mocidade e que vai adquirindo cada vez máis pulo, ata que finalmente pudo emprender o camiño das artes escénicas para adaptarse ao formato teatral. Para o director José L. Prieto “a peza é unha mestura de música, teatro, improvisación, humor e información”, pero tamén se converte nunha forma de que este xénero propio de Carballo e de Bergantiños “chegue a onde nunca chegou”, como explica Josinho da Teixeira.

Un soño cumplido

Para Lupe Blanco, coristanquesa de nacemento, pero moi carballesa de corazón, Territorio Regueifa é un soño cumprido: “Tíñamos un soño: poder levar á regueifa aos teatros. Ver que avanzou cos tempos. Antes parecía que era cousa de vellos, e agora coa rapazada vese que está de moda, soa a moderno. Poder estrear este espectàculo aquí na nosa casa, na capital da regueifa, vai ser brutal. É un soño feito realidade: que tanta xente, e xente nova, estea agardando esta estrea”. Así mesmo, Manolo Maseda, outro dos protagonistas do espectáculo, quixo animar ao público a participar porque “o que vai pasar este venres no FIOT de Carballo vai ser pura maxia. Ímolo pasar moi ben”.

A Concelleira de Cultura de Carballo quixo destacar que o espectáculo descobre “unha regueifa super creativa, que loita pola igualdade. Non quero deixar de mencionar a escola da regueifa de Carballo, con Lupe ao fronte, que é un espazo marabilloso, único, seguro, libre para expresarse, e que medra mes a mes con nova xente”.

O alcalde, Daniel Pérez, pechou o acto agradendo a todas as persoas e institucións que fan posible esta peza: “Grazas e parabéns ao FIOT, por este proxecto. A regueifa é parte da nosa propia identidade. E cada vez está máis de actualidade. Non podemos desde o Concello máis que intentar arroupar un espectáculo que arrisca e que ten estas características tan interesantes”.

Ficha:

  • Venres 6 de febreiro
  • 21.00 h.
  • Pazo da Cultura
  • Entrada 10€
  • Para todos os públicos
  • Duración: 75 minutos

ENTRADAS EN ATAQUILLA.COM