Aínda non empezou o San Xoán, pero a Concellaría de Cultura e Festas vai un paso por diante e xa presentou o Verán Cultural, que segue “o mesmo fío condutor co que xa rematamos o ano pasado, que é poñer en valor a nosa música de raíz e poñer no lugar que lles corresponde ás creadoras, difusoras e mantedoras da nosa tradición oral, como son as cantareiras”. A concelleira Maruxa Suárez, que avanzou a programación acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, incidiu no protagonismo que terá a música durante os meses de xullo e agosto. Mondra, De ninghures, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Alana e as agrupacións carballesas de música tradicional interpretarán a banda sonoda do Verán Cultural con máis raíz.
Pero non todo será música. Dentro da programación “extensa, de alta calidade, para todos os públicos e gratuíta”, como a definiu Maruxa Suárez, tamén haberá espazo para a maxia, o teatro, o circo e o cine. Teremos moito, moito cine, incluída a proxección de As neves, a película da directora do Festival Carballo Interplay, Sonia Méndez, premiada coma mellor longametraxe nos Mestre Mateo 2025.
O Concello de Carballo conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Fundación Luis Calvo Sanz, ás que tanto Maruxa Suárez coma Evencio Ferrero agradeceron o apoio, pero destacaron sobre todo a implicación do movemento asociativo carballés, tanto no imprescindible Festival de música e baile tradicional que pecha o Verán Cultural desde hai moitos anos coma nas proxeccións de cine ou na organización das festas que enriquecen o programa.
Evencio Ferrero destacou, nese sentido, que “Carballo é un exemplo de movemento asociativo comprometido coa música tradicional”, pero tamén se referiu á gran implantación que ten o Verán Cultural dentro e fóra de Carballo, ata o punto de que “é unha programación agardada por moita xente”.
De seguido, as principais citas do verán.
Mes de xullo
- Venres 11 | Mago Antón | Praza do Concello | 13.00, 17.00, 18.30 e 20.00 h
O mago Antón celebrará no seu magomóbil os seus 50 anos sobre os escenarios cun espectáculo que reúne as súas mellores interpretacións e novas ilusións, explorando sempre os límites do imposible. Haberá catro sesións ao longo do día, con capacidade limitada a 70 espectadores/as por función.
Reserva de entradas en billeteira.carballo.gal
- Venres 18 | Mondra | Praza do Concello | 22.30 h
Mondra presenta o seu novo traballo, De ronda, cun novo son e cancións máis íntimas pero sen perder as raíces na tradición oral galega. Música ao vivo, danza e unha sofisticada posta en escena prometen un gran espectáculo.
- Xoves 24 | De ninghures | Praza do Concello | 22.30 h
De Ninghures regresa a Carballo co seu novo disco, Feira, e despois de gañar o premio Martín Códaz á música folk. Este novo traballo supón unha evolución sonora sen perder a súa esencia.
Patrocina Fundación Luis Calvo Sanz
- Mércores 30 | Aula de Teatro Municipal de Carballo | Praza interior do Fórum | 20.30 h
A Aula de Teatro Municipal, dirixida por Alba Bermúdez e Tone Martínez, de Galeatro, presenta Quixotada, un espectáculo cheo de humor, enxeño e amor polas táboas.
Mes de agosto
- Venres 1 | Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre | Praza do Concello | 22.30 h
O novo traballo de Xabier Díaz, Axúdame a sentir, soará na Praza do Concello de Carballo. O músico volverá estar acompañado das Adufeiras de Salitre e contará coa colaboración de músicos de diversa índole.
- Venres 8 | Alana | Praza do Concello | 22.30 h
Alana, un dos grupos revelación en Galicia, presenta o seu primeiro disco, O xeito á cantigha. A formación está composta por tres músicos bergantiñáns: Antía Vázquez, voz e pandeireta; Eloy Vidal, teclado, guitarra e voz, e Pablo Castro, percusión e gaita.
- Xoves 14 | As Sircópatas | Xardín municipal | 20.30 h
Presentamos un espectáculo para toda a familia, Rogelio 3. La fête, cheo de malabares, música, clown e moito humor.
- Venres 22 | Festival de música e baile tradicional | Praza do Concello | 21.30 h
Este ano reuniremos á Banda Municipal de Gaitas, AC Arume de Verdillo, AC Nemeth, Cantareiras de San Campio de Cances, Coro Aires de Bergantiños e Escola do Alprende de Oza.
Noites de cine
- 9 de xullo | 22.30 h | Praia de Razo
+ Cuñados (+ 12 anos)
- 16 de xullo | 22.30 h | Xardín municipal
As neves (+12 anos)
- 23 de xullo | 22.30 h | Praza de San Cristovo
Familia Benetón (+ 7 anos)
- 30 de xullo | 22.30 h | Campo da capela de Cances
Menudas piezas (+12 anos). Colabora AC San Campio de Cances
- 31 de xullo | 22.30 h | Centro social de Lema
O soño da sultana (+ 7 anos). Colabora AC Ría de Lema
- 6 de agosto | 22.00 h | Praza do Chorís
Amigos imaginarios (todos os públicos)
- 7 de agosto | 22.00 h | Sísamo
El hotel de los líos. García y García 2 (todos os públicos). Colabora AVV Santiago Apóstol de Sísamo
- 13 de agosto | 22.00 h | A Pedra do Sal
Padre no hay más que uno 4: campanadas de boda (todos os públicos). Colabora AC O Castro de Lema
- 20 de agosto | 22.00 h | Praza de Sofán
Gru 4, mi villano favorito (todos os públicos). Colabora Asociación de Mulleres Rurais San Salvador de Sofán
- 21 de agosto | 22.00 h | Centro social de Entrecruces
Lío de millones (+7 anos). Colabora AVV San Xens de Entrecruces
- 4 de setembro | 21.30 h | Praza da Milagrosa
Odio el verano (todos os públicos). Colabora ACD Milagrosa