A web oficial do concello de Carballo

Mofa e Befa estrean no FIOT “A arte da guerra”: “unha reflexión cómico-filosófica sobre o mundo actual”

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo acolle o venres 23 de outubro, ás 21.00 horas, a estrea absoluta de A arte da guerra, o novo espectáculo de Mofa e Befa, coproducido polo propio festival. A mítica compañía galega regresa ao seu particular estilo “perralleiro” cunha proposta que combina sátira, humor e reflexión arredor dun mundo atravesado polos conflitos, a tensión internacional e a ameaza da guerra.

A partir do tratado militar de Sun Zi, A arte da guerra traslada as súas ensinanzas a un presente marcado pola incerteza. Xenerais, espías, magnates, adestradores de fútbol, avogadas matrimoniais e outras figuras implicadas en singulares conflitos humanos compoñen un retablo urxente dun mundo en colisión. A obra propón unha lectura satírica da nosa época e aborda, desde o humor, a cuestión de como sobrevivir nun ambiente bélico e prebélico. Porque, como suxire a propia compañía, se todo é unha guerra, mellor tomala con humor.

O espectáculo está dirixido por Carlos Santiago e interpretado por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. Nunha rolda de prensa para presentar a proposta, o director definiu a peza como “unha reflexión cómico-filosófica sobre o mundo actual”, na que Mofa e Befa buscan a maneira de afrontar este momento bélico recuperando o seu estilo máis irreverente. O obxectivo é converter a preocupación polo contexto internacional en materia teatral e provocar a risa sen renunciar á reflexión.

Na presentación da obra, Evaristo Calvo tamén expresou o desexo de que a función permita ao público transformar esa preocupación en “puro pracer”, ademais de “arrincar moitos risos e ofrecer horas de felicidade”. Víctor Mosqueira, pola súa banda, animou a achegarse ao teatro e a non deixarse vencer polo pesimismo das noticias. A risa convértese así nunha forma de abordar os conflitos do presente e de cuestionar erros que xa se cometeron no pasado.

Compromiso do festival co teatro galego

A coprodución é tamén unha mostra do compromiso do FIOT coas compañías galegas e coa creación escénica do país. Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, destacou a satisfacción do festival por participar no proxecto e contribuír ao traballo das compañías galegas. Pola súa banda, Jacobo Sutil, presidente da Agadic, salientou a capacidade da obra para achegarse a todo tipo de público, combinando a carga cómica cunha mensaxe de fondo, e agradeceu o labor cultural desenvolvido polo Concello de Carballo.

O alcalde, Daniel Pérez, expresou o orgullo de Carballo por contar cun festival da categoría do FIOT e incidiu na importancia de aproveitar a cultura e o humor para reflexionar sobre os tempos complicados que vivimos. A estrea de A arte da guerra reforza así a aposta do festival pola produción propia e o alcalde agradeceu tamén a implicación no FIOT da Agadic e de todas as institucións que o apoian.

A función terá lugar o venres 23 de outubro, ás 21.00 horas. Neste momento as entradas están xa esgotadas. O espectáculo ten unha duración aproximada de 90 minutos e está recomendado para público maior de 12 anos. Antes do comezo da representación celebrarase tamén o acto de entrega do Xograr de Outono 2026 a Antonio Porteiro.

📷 © Vanessa Rábade | Concello de Carballo

"A arte da guerra" de Mofa e Befa - FIOT 2026
Rolda de prensa de "A arte da guerra" de Mofa e Befa - FIOT 2026
"A arte da guerra" de Mofa e Befa - FIOT 2026
Cartel de "A arte da guerra" de Mofa e Befa - FIOT 2026