A web oficial do concello de Carballo

Máis de 400 nenos e nenas de Carballo realizarán visitas guiadas polo ciclo da auga con motivo do Día Mundial da Auga

Alumnado do CRA Ponte da Pedra abriu o programa, no que participan todos os coles do concello

O 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga, unha efeméride que nos lembra a importancia da auga doce para a vida, de avogar pola xestión sostible do recurso e, neste 2024, moi especialmente, do papel que xoga na paz mundial. Arredor desta simbólica data, a Concellaría de Medio Ambiente e a empresa concesionaria do ciclo integral da auga no noso concello, Gestagua, organizamos unha actividade que permitirá a máis de 400 escolares de primaria coñecer cal é o proceso que permite que a auga chegue desde o río ata as billas dos seus fogares.

Alumnado e profesorado do CRA Ponte da Pedra, co concelleiro Miguel Vales e un dos guías de Gestagua

Hoxe comezaron as visitas guiadas para todos os coles interesados, para alumnado dos niveis establecidos polos propios centros escolares. Os primeiros foron 24 nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria do CRA Ponte da Pedra, que ademais recibiron a visita dun equipo da TVG, pero tamén están confirmados CPR Artai, CEIP Fogar, CEIP A Cristina, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Bergantiños e CEIP Gándara-Sofán, polo que participarán todos os colexios do concello. As datas tamén están fixadas, aínda que poderían modificarse en función das condicións meteorolóxicas. Mañá martes e o mércores, de feito, non se farán visitas debido a que hai previsión de choivas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, que se achegou ata a planta de tratamento do Bardoso coincidindo coa visita dos escolares, destacou a relevancia de dar a coñecer á poboación o complexo proceso, moitas veces pouco visible para a veciñanza, que permite que a auga chegue ata as nosas casas. Por iso, ademais das visitas guiadas para os/as escolares de primaria, ao longo do ano realizaremos xornadas de portas abertas para o alumnado de secundaria, persoas adultas, maiores e entidades de todo tipo. O obxectivo é concienciar á veciñanza sobre a importancia do uso eficiente da auga como recurso escaso, coidando deste xeito o medio ambiente e avogando pola sustentabilidade.

Un equipo da TVG acompañou ao alumnado do CRA

Na mesma liña, o xefe de servizo e director de operacións de Gestagua en Carballo, Benigno López, que fixo de guía, insistiu na importancia de concienciar á sociedade sobre a importante de preservar e protexer o medio ambiente a través do coidado dos recursos naturais, como é a auga. As secas, cada vez máis frecuentes, e o aumento das temperaturas converten a auga nun recurso cada vez máis prezado, xa que, aínda que o 70% do planeta está cuberto de auga, a que podemos consumir os humanos representa só un 0,0007%. Por este motivo, apuntou, é moi importante educar aos nenos e nenas nese sentido, ademais de amosarlles como funciona o ciclo da auga, completando deste xeito a formación que se lles ofrece na aula e facéndoos conscientes de todo o traballo que hai detrás do xesto cotián de abrir a billa ou de tirar da cisterna.