Case medio cento de nenas de nove a dezasete anos de idade participaron ao longo do verán nos campamentos dixitais organizados pola Concellaría de Innovación en colaboración coa Fundación Esplai. Hoxe rematou o cuarto. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, ademais da técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, fixeron entrega dos diplomas á rapazada participante nesta última quenda.
Os campamentos, que forman parte do proxecto CRI-TIC, que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada, permitiron aos participantes aprender a manexar de xeito responsable e consciente a tecnoloxía e as redes sociais, a contrastar a información, a previr o ciberacoso e a mellorar a súa seguridade na rede. Ademais, descubriron a robótica, as posibilidades da intelixencia artificial ou da realidade aumentada, entre outras moitas aplicacións.
Cada participante completou un itinerario formativo de 30 horas, polo que recibiu o correspondente diploma acreditativo.