O concurso de proxectos convocado polo Concello de Carballo, coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), para deseñar o novo equipamento cultural pechou ás 24.00 h de onte o prazo de presentación cunha elevada participación: máis de trinta propostas concorren á primeira fase do procedemento. A cifra pon de manifesto o interese espertado no ámbito da arquitectura por unha das actuacións máis ambiciosas que afrontará Carballo nos próximos anos.
O Concello optou por un concurso de proxectos anónimo, con intervención dun xurado especializado e desenvolvido en dúas fases, coa finalidade de primar a calidade arquitectónica e poder escoller entre diferentes solucións para un edificio chamado a converterse nun equipamento público de referencia. Nesta primeira fase, formulada a nivel de ideas, serán seleccionadas cinco propostas, que posteriormente deberán desenvolverse a nivel de anteproxecto.
A participación rexistrada cobra especial relevancia tendo en conta a dimensión e a complexidade do proxecto, que é froito dun intenso proceso de participación social. O novo equipamento cultural estará integrado por tres módulos interconectados e funcionalmente autónomos —auditorio, espazo polivalente e conservatorio de música—, ademais do acondicionamento do espazo exterior, cunha superficie útil total prevista de 4.030 metros cadrados. Esta configuración permitirá executar e poñer en servizo os diferentes módulos por fases sen perder a concepción unitaria do conxunto.
Un auditorio para 650 persoas
O programa definido polo Concello vai moito máis alá dunha sala de espectáculos. O módulo 1, cunha superficie útil prevista de 2.265 m², terá como elemento central un auditorio. Contará con 650 butacas, distribuídas nun mínimo de dous niveis, e cunha caixa escénica de 16 metros de ancho, fondo e altura, ademais de camerinos, espazos técnicos, almacéns, zonas administrativas e un gran vestíbulo preparado tamén para recepcións, exposicións, feiras ou congresos.
O módulo 2, de 1.000 m² útiles, terá un marcado carácter polivalente. Incluirá salas para teatro, danza e música tradicional, espazos de formación e reunión, un salón de actos para entre 75 e 100 persoas, unha área da mocidade de 300 m² preparada para actividades tecnolóxicas, culturais, formativas e de lecer creativo, e unha cafetería con posibilidade de funcionamento independente.
O terceiro módulo estará destinado ao Conservatorio Municipal de Música, con 765 m² útiles e acceso independente. O programa inclúe aulas individuais e colectivas, aula de piano, espazos para a Banda Municipal e percusión, aula de informática musical, cabinas de estudo e locais de ensaio para grupos, ademais dun local de gravación con cabina.
Arquitectura, funcionalidade e sustentabilidade
As bases non buscan unicamente un edificio que cumpra un programa de superficies. O Concello pretende conseguir unha arquitectura singular, funcional, flexible, accesible e sostible, capaz de converterse nun símbolo dunha nova etapa para Carballo. O prego aposta por espazos que favorezan o encontro e a sociabilidade, unha relación fluída entre interior e exterior, iluminación natural, accesibilidade universal e cognitiva, novas tecnoloxías e solucións que permitan adaptar os usos no futuro.
O orzamento do conxunto da actuación acada os 8,27 millóns de euros. O proxecto forma parte do Plan de Actuación Integrado Carballo a man, para o que o Concello conseguiu unha asignación de 6.547.727 euros de fondos FEDER, cunha taxa de cofinanciamento do 60 %. Dentro dese plan, o novo equipamento intégrase no apartado de consolidación como motor cultural, que busca reforzar o papel de Carballo como referente cultural. Neste sentido, o proxecto nace cunha vocación aberta e colaborativa, coa vontade de sumar á iniciativa a participación de institucións públicas e entidades privadas comprometidas coa cultura e co desenvolvemento dun equipamento chamado a ter unha dimensión supracomarcal.
Agora comezará o proceso de análise das propostas presentadas. O xurado estará presidido polo alcalde e estará integrado polos dous arquitectos municipais, dous profesionais designados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e un técnico nomeado pola Axencia Galega das Industrias Culturais.
Os cinco equipos finalistas recibirán 5.000 euros cada un e desenvolverán as súas ideas a nivel de anteproxecto. De entre eles sairá o proxecto gañador, cuxo autor será chamado á negociación para a adxudicación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra dos módulos 1 e 2, con 284.703,09 euros en honorarios.
A elevada concorrencia permite afrontar agora a selección cun amplo abano de alternativas arquitectónicas e reforza o obxectivo co que o Concello formulou o concurso: que o futuro equipamento cultural non sexa simplemente un novo edificio, senón unha peza capaz de transformar e completar a oferta cultural de Carballo e de reforzar a súa condición de referente cultural de Bergantiños e de Galicia.