A web oficial do concello de Carballo

Máis de douscentos escolares carballeses participan nas visitas guiadas ao Xardín de Rosalía para conmemorar o Día de Rosalía

O Concello de Carballo desenvolve os días 23 e 24 de febreiro un programa de visitas escolares guiadas ao Xardín de Rosalía, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía e co obxectivo de achegar a figura e a obra de Rosalía de Castro ás novas xeracións.

O Xardín de Rosalía, inaugurado no ano 2023, converteuse nun espazo de referencia cultural e educativa no municipio. Situado no ámbito do Parque do Anllóns, funciona como aula ao aire libre na que se combinan patrimonio literario, natureza e creación artística.

As visitas, organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, están dirixidas ao alumnado de 3º e 4º de educación primaria. Ao longo do percorrido, o alumnado participa en explicacións didácticas adaptadas á súa idade, recitados poéticos e propostas musicais que permiten coñecer dunha maneira dinámica e vivencial a importancia de Rosalía na historia da literatura galega.

Nesta edición participan os centros A Cristina, CEIP Nétoma-Razo, San Luís Romero, Bergantiños, Fogar e Gándara-Sofán. En total, máis de 200 escolares ao longo das dúas xornadas.

A dinamización musical corre a cargo de membros do grupo Raiceira, que interpretan pezas inspiradas na obra rosaliana, contribuíndo a crear unha experiencia cultural completa na que poesía, música e natureza dialogan nun mesmo espazo.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e os concelleiros Luis Lamas e Miguel Vales achegáronse ao xardín para compartir un momento co alumnado e co equipo dinamizador. Daniel Pérez destacou a importancia de promover iniciativas que integren cultura, educación e espazo público, así como de fomentar o coñecemento do noso patrimonio literario entre as novas xeracións.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura galega e coa educación en valores, promovendo actividades que fomentan o coñecemento do noso patrimonio literario desde idades temperás.