Deporte, solidariedade e comunidade volven darse a man no Torneo de Pádel organizado por Miclub, que chega á súa décimo segunda edición con máis de 120 parellas inscritas e co compromiso de seguir apoiando o labor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog).
Na presentación do torneo participaron Manuel Pallas, presidente do club organizador; Borja Balbuena, membro da xunta directiva de Asanog; Mar e Iván Barreiro, en representación da empresa patrocinadora, Reneymar; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
O elevado número de participantes e a diversidade de categorías consolidan unha cita que combina a competición deportiva de nivel coa práctica do deporte en familia. O torneo inclúe cinco categorías masculinas, tres femininas, tres mixtas, iniciación e unha modalidade específica para pais, nais e fillos/as. Entre os participantes haberá tamén xogadores de destacado nivel no ámbito estatal.
A competición comezou este venres 27 de novembro e desenvolverase ata o sábado 5 de decembro, cando terá lugar unha xornada de convivencia coa entrega de premios, sorteo presencial, churrascada e animación musical a cargo do DJ Álex Naya.
Moito máis ca un torneo
Borja Balbuena agradeceu a implicación de todas as persoas e empresas que fan posible este tipo de iniciativas, fundamentais para que Asanog poida desenvolver os seus programas de atención integral aos menores que atravesan un proceso oncohematolóxico e ás súas familias.
O representante da entidade, que compartiu a súa propia experiencia como supervivente dun linfoma diagnosticado aos 16 anos, explicou que Asanog ofrece servizos de atención psicolóxica, terapia ocupacional e traballo social, ademais de axudas para afrontar diferentes necesidades económicas das familias derivadas do proceso da enfermidade.
Balbuena tamén destacou dúas das liñas de traballo nas que está a incidir actualmente a entidade: o desenvolvemento de protocolos que permitan aos nenos e nenas recibir coidados paliativos nos seus domicilios e a mellora do seguimento a longo prazo das persoas superviventes de cancro infantil, tendo en conta as posibles secuelas dos tratamentos ao longo das súas vidas.
Asanog forma parte da Federación Española de Familias de Cancro Infantil, coa que traballa para mellorar tanto a atención aos pacientes e ás súas familias como a calidade de vida das persoas que superaron a enfermidade.
Un deporte que crea comunidade
Desde a organización e a empresa patrocinadora destacouse o valor de manter no tempo unha iniciativa que, ao longo de doce edicións, conseguiu mobilizar a centos de deportistas arredor dunha causa solidaria.
O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o alcalde, Daniel Pérez, agradeceron a continuidade do compromiso de Miclub Padel e de Reneymar, así como a implicación de todas as persoas participantes.
O goberno municipal incidiu na importancia de promover hábitos de vida saudables a través do deporte, pero tamén no valor de crear comunidade e de contribuír ao benestar colectivo mediante iniciativas desta natureza.
Daniel Pérez salientou especialmente a dimensión solidaria do torneo, por riba mesmo do seu indubidable interese deportivo, e reivindicou o valor do retorno social da actividade empresarial como unha maneira de devolverlle á sociedade parte do que esta lle achega.
O alcalde tamén defendeu a necesidade de reforzar a sanidade pública e destacou o papel imprescindible que desenvolven entidades como Asanog na atención de necesidades complementarias ás sanitarias. Así mesmo, trasladou os parabéns do Concello á asociación polo seu labor e expresou o desexo de que o torneo siga sumando edicións e apoios.
Unha fila cero aberta a toda a cidadanía
Non é preciso participar na competición para contribuír a esta causa solidaria. A organización habilitou unha fila cero a través da cal todas as persoas interesadas poden realizar as súas achegas a beneficio de Asanog.
Número de conta (La Caixa): ES61 2100 1453 2102 0025 9900.