A entrega de diplomas dos cursos de estimulación cognitiva e actividades lúdico formativas que se viñeron desenvolvendo desde o mes de outubro puxo fin á primeira edición do programa Remocea, que agrupa as actividades para maiores de 60 anos promovidas polas concellarías de Terceira Idade, Servizos Sociais, Innovación e Deportes.
Ao acto de hoxe, celebrado no salón de plenos, asistiron exactamente cen veciños e veciñas das diferentes parroquias nas que se desenvolveron as actividades, aínda que nos talleres de memoria (estimulación cognitiva) participaron máis de 180 persoas, repartidas entre as parroquias de Ardaña, Cances, Carballo, Noicela-Rebordelos, Oza, Razo, Rus, Sísamo, Sofán e Verdillo, e nos de actividades lúdico-formativas, case 80 entre os grupos de Aldemunde, Carballo, Entrecruces, Lema, Noicela-Rebordelos, Razo e Sofán. Os/as asistentes quixeron premiar cun aplauso espontáneo o traballo desenvolvido polas súas monitoras, que se sumaron á entrega de diplomas xunto co alcalde, Evencio Ferrero; as concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez e o concelleiro Ramón Varela.

Como apuntou Maica Ures, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, máis alá da aprendizaxe que supón a participación neste tipo de actividades, o obxectivo do programa Remocea é fomentar a socialización e evitar a soidade. E con ese mesmo obxectivo organizouse este acto conxunto, que rematou cun pequeno almorzo de confraternización no propio salón de plenos.
A estes dous cursos de longa duración sumouse a escola de informática para maiores de 60 anos, con 38 participantes que xa recibiron os seus diplomas a finais de maio, tras oito meses de formación na Aula CeMIT, xestionada pola Concellaría de Innovación. E tamén veñen de rematar os obradoiros de telefonía móbil, que neste curso foron un total de dez en distintas parroquias e nos que participaron case 200 persoas.
O programa máis veterano da Concellaría de Terceira Idade, neste caso en colaboración coa de Deportes, é o de exercicio físico para maiores, que neste curso contou con case 700 usuarios/as repartidos en 23 grupos. Pero a actividade estrela, sen dúbida, é o baile con música en directo, que cada domingo reúne a centos de persoas na planta alta do mercado municipal. Este día 15 celebrouse a última sesión da temporada. A próxima empezará en setembro, e tamén ese mes abriranse as inscricións para as actividades do vindeiro curso. Estade atentos/as!