A web oficial do concello de Carballo

LandraCiencia converte Carballo nunha gran festa da divulgación científica

Observar ao microscopio diatomeas da lagoa de Baldaio de hai 10.000 anos, coller na man un insecto cortiza, facer un chaveiro cun lapis ou cunha impresora 3D, sinalar nun mapa os nosos lugares favoritos de Carballo, practicar windsurf nun simulador, poñernos a proba sobre seguridade na Rede, caracterizarnos como Ladybug, achegarnos á investigación oncolóxica, descubrir como borrar as manchas de betadine con vitamina C ou xogar á ra nun formato adaptado a distintas capacidades. Todo isto e moito máis viviuse este domingo en LandraCiencia.

A III Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia foi un éxito, cunha asistencia continua de público e cun alto nivel de participación nas actividades programadas. A xornada volveu converter Carballo nun punto de encontro entre a investigación e a cidadanía, confirmando o interese que esperta a divulgación científica no concello.

Durante a mañá achegáronse ao evento o alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros Iván Andrade e Maica Ures, responsables das áreas de Innovación e Igualdade, que forman parte do equipo organizador.

O alcalde destacou que “LandraCiencia amosa o enorme potencial que ten Carballo como viveiro de talento investigador e a importancia de crear espazos onde a ciencia se comparta coa veciñanza”.

Pola súa banda, Iván Andrade puxo en valor “a consolidación dun proxecto que medra cada ano e que xa é unha referencia dentro da programación cultural e educativa local”.

Maica Ures subliñou tamén “a relevancia de visibilizar referentes femininos na ciencia e de seguir promovendo iniciativas que acheguen a investigación ás novas xeracións”.

Desde a organización queremos agradecer a implicación das entidades colaboradoras e, moi especialmente, das científicas e científicos participantes, cuxa capacidade para comunicar e conectar co público resultou clave para o éxito da xornada. LandraCiencia consolídase así como unha cita fundamental do calendario cultural e educativo local e como un proxecto que reforza a conexión entre investigación, territorio e cidadanía.