A IX edición do Certame Micro–Escenas M2 do FIOT ten xa gañadoras. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acab de dar a coñecer os nomes seleccionados polo público nas categorías de mellor espectáculo e mellor interpretación nesta novena entrega do certame, que se desenvolveu durante o mes de outubro no marco da celebración do FIOT34. As gañadoras, que recibirán en ambos casos un premio de 150 euros, son:
- Gracias por su visita, de Uxía Algarra: Premio do Público ao Mellor Espectáculo 2025, cunha media de 4,56 puntos sobre 5.
- Estrella Tomé, do espectáculo Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico: Premio do Público á Mellor Interpretación, cunha media de 4,62 puntos sobre 5.
Ademais, froito do acordo do FIOT con Culturgal neste 2025, as dúas pezas premiadas, ademais dos galardóns outorgados polo FIOT, serán convidadas a participar en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar en Pontevedra no mes de novembro de 2025, co obxectivo de apoiar e visibilizar máis o seu traballo.
Esta IX edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT rexistrou un total de 347 espectadores e espectadoras, con 222 votantes. A media de puntuación de todos os espectáculos foi de 4,21 puntos sobre 5, mentres que a media das interpretacións foron de 4,39 puntos sobre 5.
En palabras da organización: “A IX edición do Certamen Micro-Escenas M2 destacou pola diversidade e a calidade das propostas presentadas, que abrangueron diferentes linguaxes escénicas: danza, teatro físico, teatro de obxectos e teatro de texto. Esta variedade contribuíu a consolidar o certame como un espazo de experimentación e encontro entre disciplinas. Así, as pezas exhibiron un alto nivel artístico, incorporando elementos como música en directo e recursos audiovisuais, que enriqueceron a posta en escena e ampliaron a experiencia do público”.
E destacou: “Un aspecto especialmente positivo é que as creacións nacidas no marco do M2 teñen continuidade fóra do certame. Cada vez son máis os artistas que, tras presentar aquí as súas primeiras propostas, deciden desenvolver a obra completa. Exemplos recentes desta evolución son Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, ou Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico. Cómpre salientar, tamén que o público do M2 comeza a consolidarse, converténdose nun público fiel que acode cada ano atraído pola diversidade e polo carácter alternativo das propostas”.
Finalmente, quixo salientar, tamén, que, “en resumo, esta edición reafirma ao M2 como un espazo de referencia para a creación contemporánea e o talento emerxente, cun público implicado e propostas que seguen a medrar máis alá do propio certame”.
Entre as 25 propostas recibidas a concurso neste 2025, un xurado profesional elixiu 6 pezas finalistas para ser representadas no FIOT: Domitila, de Amparo Martínez; Katharsis, de Catuxa Leira; O novo, de Dani Blanco; Covers2, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Todas foron propostas que xogaban coas artes do movemento, o teatro físico, o teatro de obxectos, o teatro inmersivo, o teatro-clown, a performance cerámica…
O xurado de profesionais das artes escénicas desta IX edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Kirenia Martínez, mediadora cultural, directora, bailarina e coreógrafa; Camilo Franco, escritor, crítico teatral, xornalista e director de Culturgal; Alba Bermúdez, actriz e integrante da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2025 puideron verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante tres fins de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía Interfilm Carballo, a Residencia de maiores da praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol.
Sen medo, sen barreiras, sen artificios, sen rede. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro mínimo, intenso, en primeiro plano, en cru; teatro que nos asalta desde o cotián, desde a proximidade, desde espazos comunitarios…, nun metro cadrado. Neste 2025, o público do FIOT puido experimentar unha nova experiencia na que o público pode mirar aos ollos das actrices e dos actores e case tocar, ulir e mesmo saborear a peza, para continuar vivindo intensamente unha experiencia teatral diferente.
Deste xeito, esta IX edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT continuou apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. A 6 pezas finalistas do certame neste 2025 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorga o público fioteiro coas súas votacións unha vez finalizada a exhibición das seis pezas durante o FIOT, cun premio de 150 euros en cada caso.
Como novidade neste 2025, e froito do acordo do FIOT con Culturgal, as dúas pezas premiadas, ademais dos galardóns outorgados polo FIOT, serán convidadas a participar en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar en Pontevedra no mes de novembro de 2025, co obxectivo de apoiar e visibilizar o seu traballo.
Un certame pioneiro en Galicia
O Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.
As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, o certame ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da novena edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…), prioritariamente en lingua galega, de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non convencional, cun máximo de 25 espectadores, entre o 3 e 26 de outubro de 2025.
As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Este seis pezas finalistas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á mellor interpretación e ao mellor espectáculo.
Ao longo destes nove anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (un total de 313 propostas, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2025) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
Imaxes: © Vane Rábade

