A web oficial do concello de Carballo

Comercio local

Punto de paso obrigado entre a Costa da Morte e A Coruña, Carballo sempre foi unha vila de comerciantes. As tendas e negocios de tradición familiar conviven cos proxectos máis innovadores de emprendedores locais para tecer unha oferta variada co toque persoal do pequeno comercio.

Cómpre destacar o produto estrela da vila, o Pan de Carballo, con varios fornos en activo que acumulan décadas de tradición, historia e saber facer. Especial mención merece tamén o obradoiro artesanal de chocolates Mariño, que cumpre 100 anos en 2027.

Se buscas algo especial e diferente, orixinalidade e trato personalizado, ven de tendas por Carballo e conversa cos nosos comerciantes. Hai moito por descubrir no comercio local. 

Non te preocupes polo teu coche, hai máis de 2700 prazas nos aparcadoiros públicos gratuitos, ademais de Zona Azul e áreas de carga e descarga para paradas breves.

Entidades coma o Centro Comercial Aberto (CCA) ou a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) contribúen a dinamizar a actividade comercial do concello. Nas súas páxinas web podes atopar máis información sobre as tendas e negocios de Carballo, así coma as súas actividades, eventos e promocións.

Ollo á
landra!

En Carballo, as tendas adoitan abrir tamén os sábados pola mañá e os domingos de feira (2º, 4º e 5º de cada mes). Aproveita para facer todas as túas compras tamén na fin de semana.