A web oficial do concello de Carballo

As nosas feiras

As feiras e mercados son os centros comerciais tradicionais dos produtos de proximidade. En declive en moitos concellos, en Carballo seguen a ser un punto de encontro popular que atrae a miles de veciños e visitantes cada semana.

A capital de Bergantiños conta con tres tipos de feiras:

O mercado

Todos os xoves pola mañá, na Praza do Concello.

Un lugar de encontro onde pequenos agricultores e artesáns locais venden produto fresco e de calidade directamente da horta ou do obradoiro, sen intermediarios, pero con todas as garantías hixiénicas e sanitarias.

A feira

O 2º e o 4º domingo de cada mes, pola mañá, na Praza do Concello e no antigo Campo da Feira, situado no barrio da Milagrosa.

Froitas e verduras, peixes e carnes, sementes e patacas, queixos e doces… pero tamén roupa e calzado, complementos, ferramentas ou decoración. Todo a bo prezo, e con opción a regateo!

O feirón

No 5º domingo do mes.

Cando o mes ten cinco domingos, aproveitamos a ocasión para celebrar unha feira adicional, o feirón de Carballo.

Amais do mercado tradicional, ó longo do ano celébranse diversas feiras temáticas, organizadas tanto polo Concello de Carballo como polo comercio local, que contribúen a dinamizar a actividade comercial da vila. A Praza dos Libros (PLIC), Berocasión, a Feira Doce de Nadal, Bercamel o MercaEdillo do CCA… son algunhas das citas imprescindibles que reforzan o atractivo das nosas feiras.

Ollo á
landra!

Colle folgos en calquera dos bares e cafeterías da vila, onde os domingos de feira é tradición degustar as mellores tapas de callos… de balde!